Escoitar

Chus Lago presenta un balance "sen incidencias nin queixas" do servizo de praias de 2008

A concelleira de Medioambiente, Chus Lago, presentou este xoves o balance do servizo de socorrismo e salvamento nos areais vigueses na tempada de verán que remata. Neste ano non se recibiron nin incendencias nin anomalías na prestación do servizo nin se rexistraron queixas, cando nos tres veráns anteriores, as incidencias rondaban o centenar, explicou a edil.

xoves, 25 set 2008
A concelleira de Medioambiente, Chus Lago, fixo un balance positivo da tempada de praias 2008, atendendo á comparación con anos anteriores, xa que non se rexistraron incidencias nin anomalías ou queixas no servizo prestado. Pola contra, nos tres anos anteriores, esta cifra oscilou na centena, segundo indicou a edil.

Lago explicou que os inspectores e os usuarios das praias non presentaron queixas, mentres que en 2005 se observaron 105 incidencias; en 2006, 120; e en 2007, 98 incidencias e 18 queixas dos usuarios. A concelleira salientou que a coordinación dos servizos propiciou o bo servizo deste verán, contrastado coas cifras presentadas.

"Sumado a esta valoración, cabe destacar que as inspeccións levadas a cabo neste ano polo Vicepresidente de ADEAC nos areais do Concello de Vigo deron un resultado altamente positivo por primeira vez en varios anos", segundo informou, "destacando o labor realizado na mellora do servizo, así como na coordinación dos diferentes axentes que participan no mesmo: Cruz Vermella, Protección Civil, Servizo de socorrismo da concellaría de Medio Ambiente, Sanidade e Consumo".

De xeito continuado, prestaron servizo nos areais un total de 71 persoas, encargadas de diferentes funcións como eran a prevención ante situacións potencialmente perigosas, a vixilancia dos bañistas, a intervención ante un problema dado na area ou na auga, así como a posterior atención sanitaria e traslado no seu caso.

A edil indicou que "todos estes equipos humanos estaban debidamente identificados e comunicados entre si, tanto a través de telefonía móbil para os coordinadores, como a través de emisoras de VHF para os socorristas". "Cabe destacar que por primeira vez en varios anos, dotouse ao servizo dunha canle de VHF propio que garantiu a cobertura nas comunicacións para todos os areais e servizos marítimos", salientou Lago.

Por primeira vez tamén en varios anos, afirmou, dotouse ás torres de vixilancia de botiquíns portátiles para atencións sanitarias, flopis de rescate e colaríns de inmobilización cervical, así como de taboleiros espinales para posibles accidentados medulares no medio acuático.

"Un aspecto novo na tempada 2008 foi a realización dun total de 34 simulacros nos que se puña a proba a forma física así como os protocolos de actuación dos equipos de rescate". De todos eles, subliñou a concelleira, un total de 22 foron levados a cabo polo propio persoal do servizo de socorrismo da Concellaría de Medioambiente, en 9 deles participaron tamén os membros de Cruz Vermella, e en 3 deles interviñeron o persoal e as embarcacións de Protección Civil, así como o Helicóptero de rescate da Xunta de Galicia, PESCA 1.

Asistencias
En canto aos servizos prestados, en todo o verán de 2008 leváronse a cabo un total de 5.989 asistencias aos usuarios dos nove areais, cifrou Chus Lago. Entre elas destacan claramente pola súa contía os cortes e feridas leves (1.976), así como as picaduras de faneca (1.494) prestadas polos membros de Cruz Vermella. Destacan igualmente as cifras de menores extraviados que requiren dun dispositivo de procura (106), as evacuacións ou traslados a centros sanitarios mediante ambulancia (77), e finalmente os 13 rescates acuáticos levados a cabo nas praias de ¡Saians, A Punta, Fontaíña, Argazada, Rodas e Samil.

"A modo anecdótico reflectir que na tempada 2008 tivemos dúas circunstancias atípicas que requiriron da colaboración de todos os medios materiais e humanos de mostras praias: a praga de medusas que arrasou os nosos areais desde o 23 de Xullo, así como a vertedura de deterxentes na praia de Samil o 7 de Setembro, que demandou a intervención de medios humanos e materiais fóra do común, sendo capaces de conter e recuperar nunha soa xornada a espuma xerada no areal de Samil"

Como dato final, Chus Lago quixo destacar a "alta profesionalidade e o nivel de implicación de todos os medios humanos que participaron neste servizo": Unidade de Costa e Praia da Policía Local de Vigo, Servizo de socorrismo da Concellaría de Medioambiente do Concello, Cruz Vermella e Protección Civil de Vigo.