Escoitar

O Concello oferta 4.000 prazas nas escolas deportivas municipais coa novidade de cursos para adultos

O vindeiro 1 de outubro comezan as escolas deportivas municipais, que ofertan unhas 4.000 prazas entre as destinadas a nenos e nenas nacidos entre 1992 e 2002 (aínda que tamén hai algunhas disciplinas ata os 18 anos) e os novos cursos para adultos. O primeiro prazo para inscribirse está aberto ata o día 26 en todas as modalidades para antigos e novos alumnos, mentres que o de adultos, unha das novidades do programa, tamén está aberto ata o día 26 deste mes.

mércores, 24 set 2008
1222260142escolasdeportivas08.jpg
O concelleiro de Deportes, Xabier Alonso, presentou hoxe un programa que abarca vinte e oito modalidades deportivas para mozos e mozas e, por vez primeira, tres para adultos (xadrez no C.C. Valadares, tiro con arco na polideportiva de Balaídos e tenis de mesa no pavillón de Castrelos). Segundo o nacionalista, "damos un salto con esta nova idea porque as escolas non teñen por que ser exclusivas da mocidade". Xabier Alonso dixo que os obxectivos deste novo curso escolar foron "descentralizar as escolas para levalas tamén a barrios e parroquias", incorporación de novas disciplinas, aposta por cursos para adultos e formación de monitores. "Gústame revolucionar as cousas e plantexar novidades", afirmou para salientar as novas iniciativas que se poñen en marcha este curso nas escolas deportivas.

O concelleiro agradeceu tamén o apoio de 45 entidades colaboradoras, entre clubs e federacións, e felicitouse por que "cada vez hai máis xente que ten a posibilidade de practicar deporte a través da oferta municipal", ao enumerar os 5.000 deportistas que participan no programa Vigo en Xogo, os máis de 200 que se inscribiron no Corre con Vigo e o éxito das escolas municipais. No curso pasado, uns 3.200 alumnos e alumnas participaron nas disciplinas ofertadas polo Instituto Municipal dos Deportes (IMD), cifra que este ano pode superarse.

Ángel Lago, director técnico do IMD, subliñou que o éxito da natación sincronizada nos Xogos Olímpicos de Pequín "foi un boom para as nenas", e esta modalidade, nova no curso xunto co tenis de mesa, "ten as prazas practicamente pechadas".

Outra novidade deste ano, e froito do acordo coa Universidade de Vigo, é o cuestionario de aptitude física que se entrega aos pais e nais. Baseándose nos datos solicitados, un médico da Universidade especializado en medicina deportiva avaliará a posibilidade dun recoñecemento médico específico. Xabier Alonso dixo que era unha preocupación da súa concellaría o deporte saudable.

O prezo da inscrición nas escolas é de 37,75 euros para nenos e nenas, 97,20 € para os de natación sincronizada (será na nova piscina de Valadares) e 115,60 euros para os adultos. Tras o primeiro prazo de inscrición, en outubro (do 6 ao 24) haberá un segundo prazo. Tamén existe un prazo de matrícula permanente (do 10 ao 22 de cada mes desde novembro e ata abril) en función de se hai prazas libres.

As disciplinas existentes son atletismo, bádminton, baloncesto, balonmán, béisbol, ciclismo, esgrima, fútbol, fútbol sala, hóckey herba, hóckey patíns, judo, karate, loita, patinaxe, sincronizada, squash, tenis, tenis de mesa (no pavillón de Castrelos), tiro con arco, tríatlon, voleibol, xadrez, ximnasia artística e acrobacia, ximnasia acrobática e cama elástica, e ximnasia rítmica; para discapacitados físicos e psíquicos, o Amfiv programa escolas de baloncesto en cadeira de rodas e natación.
Descargar todas as imaxes