Escoitar

O concerto de Sergent García inaugura o programa Travesías o vindeiro 8 de agosto

Todas as actuacións de serán de balde e terán lugar no Peirao de Trasatlánticos a partires das 22.30 horas

mércores, 6 ago 2008
1218028531sgtgarcia.jpg
A programación das Festas de Verán continúa a súa andaina cumprindo un dos seus obxectivos fundamentais: ofertar actividades dirixidas a todos os públicos e recuperar espazos da cidade. E nesta liña se presenta o programa Travesías, catro noites de concerto onde tradición, diversidade e mestizaxe musical serán protagonistas. Vigo quere celebrar esta variedade cultural e a súa vocación cosmopolita e aberta mediante unha programación que amosa a riqueza musical existente no mundo. Artistas de diferentes territorios do mundo atracarán no Porto de Vigo, o punto de partida, de chegada e de encontro para culturas de todo o mundo, e ademais un lugar de hibridación e mestizaxe entre cidadáns de culturas diversas.

O peirao de Trasatlánticos, xa que logo, acollerá estes catro concertos que serán de balde e darán comezo a partires das 22.30 horas. O primeiro deles terá sinatura francesa: Sergent García, o instigador da "salsamuffin", subirase ao escenario para ofrecer o mellor da súa variada traxectoria. A xornada do día seguinte achegará os sons de Daara J (Senegal), Darga (Marrocos) e Reevel Brix (Angola). O día 13 de agosto a mistura do sons holandeses e brasileiros chegará da man de Zuco 103 e o peche deste programa baseado na diversidade musical o porán Los Derviches de El Cairo.

Foi o instigador da "salsamuffin", elemental pero non por elo menos innovador cóctel das dúas músicas máis importantes saídas do Caribe, o reggae e a salsa, e con elo xa anunciaba outras misturas deste tipo (co reggaetón á cabeza) que tanto furor causan actualmente en toda América Latina. Pero hai que recoñecer que a obra de Bruno "Sarxento" García vai moito máis alá dos límites dunha receita, por moi saborosa e orixinal que sexa. Dos seus anos punk como guitarrista do grupo de culto Ludwig Von 88, Bruno conservou unha clara tendencia a dinamitar todo o que ten visos de convencións e costumes e outros estereotipos.

Logo de catro álbums que recolleron un gran éxito internacional, nos que pasou da música imaxinada e producida na súa casa con máquinas, a gravar cunha formación completa de músicos que lembran aos mellores momentos do selo Fania, Sergent García volve con "Máscaras", o disco máis redondo e libre da súa carreira, tras tres anos de ausencia e a publicación dun recompilatorio. Este novo álbum trasladará ao público ás rúas de México, Barranquilla, Los Ángeles, Kingston, Lagos, París e Valencia, nun ambiente festivo e salpicado dalgúns dos sons que moven ao planeta.
Descargar todas as imaxes