Escoitar

O Goberno local inviste 2,44 millóns de euros en humanizacións e construción de beirarrúas nas parroquias

O alcalde deu conta da sesión da Xunta de Goberno Local celebrada este martes na que se iniciou "outra quenda masiva de humanizacións" e se licitou a construción de beirarrúas no rural. Abel Caballero informou que as humanizacións do entorno do mercado de Bouzas e do lado dos números pares de Castelao estarán rematadas "a comezos de 2009".

martes, 5 ago 2008
1217941647P5050013br.jpg
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, tras a celebración hoxe martes da Xunta de Goberno Local, informou en rolda de prensa do inicio doutra "quenda masiva de humanizacións" e de construción de beirarrúas nas parroquias viguesas, para o que o executivo local inviste 2,44 millóns de euros.

Segundo adiantou o rexedor, pasan á Mesa de Contratación a humanización da beirarrúa da Avenida de Castelao dos números pares, por un valor de 418.719 euros, cun prazo de execución de 3 meses e inicio dos traballos en dous meses, aproximadamente; e a humanización do entorno do mercado de Bouzas, cun custo de 313.000 euros, prazo de execución de 4 meses e comezo das obras en dous meses. Así, "a inicios de 2009" estarán rematadas ambas melloras.

Xunto a estas, o alcalde salientou a humanización "máis custosa que se fixo nunca nesta cidade", cun investimento de 1,87 millóns de euros sufragados polo Concello de Vigo. Os traballos de mellora da rúa Coruña comezarán en dous meses e durarán outros seis, co que en maio podería estar rematada unha obra con características de "máxima calidade garantida", en verbas do alcalde.

Abel Caballero adiantou ademais que "en moi poucos días" se presentará a humanización das Avenidas de Florida e Castrelos, promovida pola Consellaría de Política Territorial da Xunta de Galicia. Así, o alcalde concluíu que "en só un ano de goberno se van facer máis humanizacións que nunca nesta cidade", e avanzou que xa se están a preparar, de cara á elaboración dos vindeiros orzamentos municipais, as prioridades en construción de beirarrúas e humanizacións en Vigo.

Novas beirarrúas no rural
Asemade, a Xunta de Goberno Local licitou a construción de diversas beirarrúas nas parroquias viguesas: a Baixada a Santa Cristina, por valor de 144.900 euros; a rúa Santa Marina, por 95.000 euros; Manuel Costas, por 120.000 euros; Canteiros, en Matamá, por 68.000 euros; e Muíños, en Comesaña, por 92.500 euros. Todas elas se iniciarán en 3 meses e contan cun prazo de execución da obra dun mes.

Ademais, os traballos de construción das novas beirarrúas de Xuncal, en Navia, cun custo de 53.000 euros, se iniciarán o próximo mes e precisarán doutros 30 días de prazo para a súa finalización.
Descargar todas as imaxes