Escoitar

O Festival Alternavigo traerá ao IFEVI un cartel de luxo os días 8 e 9 de agosto

O evento, que ofrecerá acampada de balde para os asistentes e servizo de lanzadeiras de Vitrasa, convértese no maior festival de rock e metal celebrado en Galicia

martes, 5 ago 2008
1217941910presAlternaVigo050808.JPG
Ofrecer unha programación para todos os públicos era un dos obxectivos marcados na programación de festas deste ano, e o Festival Alternavigo é un claro exemplo. O evento, convertido no maior festival de rock e metal celebrado ata o de agora en Galicia, foi presentado esta mañá polo concelleiro de Cultura, Xesus López, e Breogán Cabezas Alonso, Diego Quintas Alonso e Rubén Dario Otero Salgueiro, todos eles compoñentes de Breaking produccións.

Xesus López salientou a importancia de ofertar alternativas aos diferentes públicos que ten Vigo, e amosou a súa satisfacción polo éxito acadado a pasada fin de semana coa ampla oferta de actividades programadas para os días previos á celebración da Semana Grande. "Tivemos unha gran acollida co Mundoclown na Praza da Constitución, o Festival Creamfields foi un éxito total e batemos o record de asistencia na xira de La Quinta Estación" destacou o concelleiro, quen engadiu que "programar dúas cousas ao mesmo tempo en Vigo non é un fracaso se se fai con calidade".

A mesma idea de ofertar para todos segue o Festival Alternavigo, un evento que nace coa intención de consolidarse nos vindeiros anos e competir con festivais de referencia do circuíto nacional.
Pola Súa banda, Breogán Cabezas salientou que a idea de crear este festival naceu da gran demanda existente en Galicia, xa que ata o de agora "non existía ningún festival destes estilos musicais onde a xente puidera sentirse identificada". Dende a súa posta en marcha, o festival tivo moi voa aceptación e mesmo xa está prevista a asistencia de público procedente de varios puntos da península, Canarias e norte de Portugal.

Serán dous días nos que o Instituto Feiral de Vigo acollerá aos grupos mais destacados do rock e o metal nacional e internacional. A xornada do 8 de agosto comezará ás 18 horas estará dedicada ao rock coa actuación dos seguintes grupos (por orde de saída ao escenario): Oxtiax ke te Pariu, Dakidarria, Fe de Ratas, Ratos de Porao, Porretas, Reincidentes e Barricada. Ao día seguinte e a partires das 17 horas tocaralle o turno aos sons metal con Shround of Tears. Fallen Sentinel, 3 Inches of Blood, Cynic, Exodus, Primal Fear. Gamma Ray, Overkill e Cradle of Filth.

Os asistentes a este evento, que ofrecerá case vinte horas de música, disporán de acampada de balde prevista nun terreo ao carón do IFEVI e cedido pola Comunidade de Montes de Cabral, e poderán achegarse ao concerto nas liñas habituais de Vitrasa e nas lanzadeiras que comezarán a funcionar dende as 23 horas e ata as 3 da madrugada dos dous días.
O prezo das entradas será de 20 euros un día e 30 os dous días na venta anticipada, e 25 euros un día e 35 para os dous días o mesmos días do concerto. Neste sentido, a organización anunciou que o ritmo de venta está sendo moi bo, con máis de 3.000 entradas nestes días.
Descargar todas as imaxes