Escoitar

Vigo convértese na sede permanente da primeira Rede Europea de Orquestras de Folk

A cidade acollerá os dias 6 e 7 de agosto unha celebración de carácter internacional con dous concertos no Auditorio de Castrelos

luns, 4 ago 2008
1217854028redeorquestras040808.JPG
Vigo vai ser a partires de agora o centro neurálxico da música folk europea, grazas á creación da primeira Rede Europea de Orquestras de Folk, unha asociación internacional que terá a súa sede permanente na cidade e que foi presentada esta mañá polo concelleiro de Cultura, Xesus López, a xefa de servizo da Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural da Consellería de Cultura, Mónica Meilán, o director da Fundación Sondeseu, Anxo Pintos e o director da orquestra Sondeseu, Rodrigo Romaní.

O concelleiro salientou que se trata dunha "nova experiencia" que de seguro dará un "pulo importante á nosa cidade", xa que a sede terá carácter permanente en Vigo. "Queremos establecer unha vía para asegurar a herdanza cultural", manifestou o responsable de cultura, quen subliñou ademais que a iniciativa servirá para compartir "diferentes experiencias". Esta asociación internacional nace co obxectivo reunir nunha federación a aquelas orquestras que comparten unha ideosincrasia similar e co propósito de difundir e promover a cultura a través das actividades educativas e os encontros bienais que se celebrarán nos países membros, que polo momento estarán representados por España, Bélxica, Finlandia, Italia, Francia e Escocia.

Co gallo da creación desta infraestrutura de difusión cultural, a cidade acollerá os vindeiros días 6 e 7 de agosto a I Festa Internacional da Rede Europea de Orquestras de Folk, coa celebración de dous concertos no Auditorio de Castrelos, animación de rúa na praza da Constitución e na rúa do Príncipe e diferentes obradoiros. No que respecta aos concertos, abrirán a festa a Orquestra Transpiradansa (Bélxica) e a Orquestra An Avel (Bretaña) nun concerto ao que estarán convidados Verónica Codesal e Nino Galisa.

Na xornada do día seguinte actuarán a Orquestra Sondeseu (Vigo) e a Orquestra Gabú (Guinea Bisau), xunto cos solistas Anxo Pintos e Jackie & Dominig Molard. Todos os concertos se celebrarán ás 22.30 horas no Auditorio de Castrelos e o prezo das entradas será de 6 euros anticipada e 8 euros o mesmo día do evento no despacho de venta.

Por outra banda, esta primeira festa acollerá a organización de diferentes obradoiros que comezarán o mércores día 6 de agosto a partires das 16 horas co dedicado ao Violín Bretón e que impartirá Eric Lavarec. Na xornada seguinte ás 11 horas se celebrará o de Kora Africana a cargo de Nno Galisa e xa na tarde, ás 16 horas Birgit Bornauw impartirá un obradoiro coa Gaita de Flandes como protagonista.

Anxo Pintos, director da Fundación Sondeseu, salientou a importancia desta rede como un escaparate para conseguir a "maior proxección da música folk", e sinalou que, coa posta en marcha deste proxecto se producirá un "punto de inflexión á hora de chegar a transmitir a nosa cultura musical". Finalmente, Rodrigo Romaní, artífice e ideólogo desta rede, salientou que esta presentación ven a facer realidade un proxecto "seguido dende hai anos".
Descargar todas as imaxes