Escoitar

O novo Plan Xeral entra en vigor o vindeiro 25 de agosto

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, mostrou este mércores a súa "satisfacción" pola publicación no Boletín Oficial da Provincia do novo PXOM, o que supón que a nova planificación urbanística entra definitivamente en vigor o próximo 25 deste mes. O rexedor sinalou que o Plan servirá para a "reactivación económica e do emprego" e tendeu a mán aos grupos políticos, sindicatos, promotores, colectivos profesionais e cidadáns para que "marchemos xuntos" no seu desenvolvemento.

mércores, 6 ago 2008
1218026600planboppeq.JPG
O Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra publica este mércores o novo Plan Xeral de Ordenación Municipal de Vigo, o que completa os trámites administrativos pendentes e data a súa entrada definitiva en vigor no vindeiro 25 de agosto. Así o anunciou en rolda de prensa o alcalde, Abel Caballero, acompañado polo titular de Urbanismo, José Mariño, e pola Xerente do departamento, Julia Chamosa.

O rexedor local mostrou a súa "satisfacción" pola publicación da "folla de ruta do futuro da cidade de Vigo", un Plan que "garante unha cidade igualitaria, con máis parques, máis zonas verdes, máis viais e máis calidade de vida" e que "chega en bo momento" pois servirá para a "reactivación económica e do emprego" vigués.

O 43% de "vivenda libre de especulación" que inclúe o PXOM permitirá, en verbas de Abel Caballero, o "relanzamento da construción e da edificación en Vigo", tanto no "ámbito público como privado", nun período de crise do sector a nivel estatal.

Coa publicación do texto no Boletín, "iniciamos unha etapa nova" para o que o alcalde avogou por "deixar atrás" as "polémicas" do pasado e fixo un chamamento aos partidos políticos, sindicatos, promotores, colectivos profesionais e cidadáns para que "marchemos xuntos" no desenvolvemento da nova planificación urbanística.

O alcalde agradeceu o traballo dos actuais responsables da Xerencia de Urbanismo municipal, da anterior edil do ramo, Carmela Silva, e de todos os técnicos e corporacións anteriores que traballaron durante estes anos na elaboración do Plan.

Desenvolvemento do PXOM
Preguntado a este respecto, Abel Caballero destacou que Urbanismo está a asinar convenios con propietarios de solo e promotores para o desenvolvemento dos distintos ámbitos incluídos no Plan. O dirixente ratificou que o PXOM está "blindado" contra os "oportunismos xurídicos dalgúns" que impugnan partes da planificación para beneficio propio.

Ademais, o "menos do 1%" do texto que queda por aprobar pola Consellaría de Política Territorial da Xunta de Galicia será modificado e enviado en setembro para a súa ratificación, explicou o alcalde.
Descargar todas as imaxes