venres, 14 xan 2011
Abel Caballero cualificou de "moi boa nova para esta cidade" que Martín Fragueiro sexa o novo director xeral de Acuanorte, resultante da fusión de Aguas del Duero e Aguas de la Cuenca del Norte, entidade encargada da nova depuradora de Vigo, dependente do Ministerio de Medioambiente. Tras a reunión deste venres, o alcalde confirmou para o 28 de marzo a data límite de presentación de ofertas e para xullo a adxudicación da obra de maior importe licitada nunca en Vigo, con 238 millóns de euros de investimento.
venres, 14 xan 2011
O tenente de alcalde, Santi Domínguez, participou este venres na inauguración da sexta edición de Galiexpo Motor Show, que se celebrará ata o vindeiro domingo, 16 de xaneiro, no IFEVI. Na súa intervención, o nacionalista destacou a importancia de que o recinto feiral de Vigo acolla un evento de repercusión internacional.
venres, 14 xan 2011
O alcalde reuníuse este venres coa responsable da zona norte de España desta cadena de supermercados, Patricia Cortizas, quen lle confirmou que a empresa prevé triplicar a súa presenza na cidade. Actualmente Mercadona conta con dous establecementos en Vigo, na rúa Aragón e no Mercado das Travesas, este último, o centro con máis ventas de Galicia. Caballero amosou o seu "agrado" polos plans da entidade, que ratifican que "Vigo é unha gran oportunidade comercial de presente e futuro"
venres, 14 xan 2011
A concelleira de Xuventude e Normalización Lingüística, Iolanda Veloso, presentou este venres unha nova iniciativa destinada á mocidade que consiste nun concurso para crear as personaxes dun videoxogo sobre Vigo. Segundo destacou a concelleira nacionalista, esta proposta ten o obxectivo de "coñecer moitos feitos importantes da historia de Vigo, do noso patrimonio e da nosa lingua".