Escoitar

María Méndez afirma que Benestar Social destinou 66.000 euros para eliminar as barreiras arquitectónicas de 30 vivendas

A concelleira de Benestar Social, María Méndez, fixo balance este xoves do programa de axudas ás persoas maiores e con problemas de mobilidade para reformar as súas vivendas e facelas máis accesibles correspondente ao 2010. A concelleira nacionalista salientou que foron 30 as vivendas reformadas, cun investimento que ascendeu a 66.000 euros, co obxectivo de que poidan seguir vivindo no seu domicilio.

xoves, 13 xan 2011
1294935898mendez.JPG
"Coa nosa filosofía de benestar e calidade buscamos manter as persoas no seu medio a maior parte do tempo posible", destacou María Méndez. Explicou que a necesidade de levar a cabo este programa vén dada polo número de persoas de máis de 85 anos que viven en Vigo, máis de 6.800. Neste sentido apuntou que a idade media de persoas beneficiarias das axudas é de 79 anos.

A concelleira de Benestar Social sinalou que ademais das persoas maiores, este programa tamén se dirixe a persoas con discapacidade referida á mobilidade. Ao respecto, destacou que os arranxos nas vivendas fanse con "criterios de accesibilidade para eliminar as barreiras arquitectónicas", como a adaptación dos baños, substiuíndo bañeiras por duchas, a reforma das cociñas instalando placas eléctricas.

María Méndez indicou que normalmente se arranxan as vivendas de persoas que son atendidas polo Servizo de Axuda no Fogar, a través das profesionais que levan a cabo este programa nos domicilios dos usuarios e usuarias. A concelleira nacionalista expresou o seu compromiso para manter este programa no 2011, aínda que apuntou que o orzamento se reducirá aos 45.000 euros, debido á "necesidade de aquilatar outras partidas". Porén, asegurou que se volverá a incrementar se a demanda o require.
1294935898mendez.JPG
1294935914mendez.JPG
Descargar todas as imaxes