Escoitar

Santi Domínguez destaca que coa reforma da rúa Oliva entra na "recta final" a primeira fase da recuperación do Casco Vello

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, inaugurou este mércores a reforma da rúa Oliva, que contou cun investimento total de 202.221 euros con cargo ao Fondo Estatal para o Emprego e a Sostenibilidade. Segundo destacou o nacionalista, coa reforma deste vial emblemático, a primeira fase dos traballos de recuperación do Casco Vello que se están facendo nesta lexislatura entra na súa "recta final".

mércores, 12 xan 2011
1294841395oliva.JPG
No acto, que contou coa participación de concelleiras e concelleiros da corporación e representantes das asociacións de comerciantes e veciñal do Casco Vello, Santi Domínguez animou a comprobar "o antes e o despois" das remodelacións, así como a pasear para comprobar as melloras efectuadas. "É preciso comprobar as diferenzas non polo autobombo dos políticos, senón para que a ninguén se lle ocorra nunca máis deixalo abandonado", manifestou.

O tenente de alcalde salientou que a recuperación integral do Casco Vello foi un compromiso do BNG e "persoal" ao chegar ao goberno, que dá un paso máis coa reforma da rúa Oliva. Afirmou que co obxectivo de potenciar a sostenibilidade económica e ambiental da zona leváronse a cabo diversas actuacións, entre as que destaca a instalación de novas redes de augas pluviais para conseguir un sistema separativo, ata agora inexistente.

Indicou que se renovou a rede de abastecemento de auga potable, configurando redes que aumentan a capacidade do subministro actual, implementándoo naquelas zonas nas que non existía. Proxectouse tamén a obra necesaria para o soterramento do cableado, tanto no tocante á rede eléctrica coma a de telecomunicacións. Respecto á pavimentación da rúa, Santi Domínguez sinalou que se recuperaron boa parte das lousas de pedra existentes, "ao igual que no resto das rúas" colocándoas nunhas bandas laterais paralelas as fachadas, e respectando o despiece orixinal. A pavimentación fíxose con lousa de pedra de espesor suficiente para resistir o tráfico rodado.

O nacionalista destacou que se renovaron as instalacións de alumeado público, colocando luminarias novas de elevado rendemento e lámpadas de baixo consumo. Como novidade, ao respecto salientou que "por fin podemos ver iluminada a Colexiata con novas luminarias".

"Se os cidadáns e cidadás renovan a súa confianza en nós, no vindeiro mandato remataremos o proceso", asegurou. Ao seu xuízo, "agora toca" continuar coa rehabilitación de vivendas en colaboración co Consorcio do Casco Vello. Avanzou que proximamente haberá novas noticias positivas para o barrio, como a apertura da Pinacoteca nos vindeiros meses. "Despois do importante esforzo realizado non podemos parar", subliñou.
Descargar todas as imaxes