Escoitar

A Federación Internacional de Deportes Universitarios valora moi positivamente o dossier de candidatura de Vigo

A delegación desprazada a Bruxelas acada o respaldo dos eurodeputados galegos para tentar conseguir o pronunciamento da UE apoiando a proposta galega, xestión que comezará a tramitarse hoxe mesmo.

mércores, 9 abr 2008
1207746067P1010018.JPG

A delegación viguesa desprazada a Bruxelas foi recibida esta mañá por cinco membros da Federación Internacional de Deportes Universitarios (FISU). O equipo da FISU, encabezado polo seu Secretario Xeral, Eric Saintrond, trasladou á comitiva viguesa a súa grata satisfacción polo Dossier de Candidatura presentado, documento que xa tiveron oportunidade de examinar. Saintrond explicou que quedaran moi sorprendidos coa proposta galega, nunha xuntanza que serviu como primeira toma de contacto de cara á vindeira semana, momento no que a Federación Internacional viaxará a Vigo para avaliar a cidade polo miúdo.
Durante a reunión, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, salientou as excelentes características da cidade olívica e explicou a puxanza económica e o papel que Vigo representa para o conxunto de Galicia. Caballero destacou tamén o apoio de toda a cidade, unánime e sen fisuras, así como o acadado nos ámbitos da política e das diferentes administracións públicas. Pola súa banda o reitor da Universidade de Vigo, Alberto Gago, valorou a importancia que tería este evento para todo o Sistema Universitario Galego e o gran legado da Universiada no terreo cultural e deportivo. O reitor puxo en valor o traballo que as tres universidades galegas están a facer no ámbito das relacións internacionais destacando a gran número de alumnos Erasmus e no intercambio de profesorado.

O seguinte en intervir foi o tenente de alcalde, Santiago Domínguez, que fixo fincapé na experiencia da cidade na organización de eventos deportivos internacionais, como a saída da Volvo Ocean Race, a Copa do Mundo de Saltos de Hípica ou a recente saída da Volta Ciclista a España, entre outros. O tenente de alcalde manifestou tamén o gran apoio que acadou o proxecto non só na cidade se non dentro de todo o Estado español, e salientou que Vigo é unha das cidades españolas onde máis persoas practican deporte de maneira habitual, sen esquecer a gran cantidade de clubs deportivos de alto nivel que existen na urbe galega. Segundo Domínguez, esta alta demanda será a garantía do futuro funcionamento das instalacións que se constrúan e se remodelen con motivo da celebración da Universiada.

Finalmente o presidente do Real Club Náutico de Vigo, Franco Cobas, quixo falar como olímpico e árbitro de remo nunha Universiada. Así, Cobas saliento a importancia que ten o olimpismo para a cidade, xa que son moitos os deportistas vigueses e galegos que participan e participaron en diferentes Xogos Olímpicos. Franco Cobas rematou a súa intervención deixando claro que Vigo conta con unha gran capacidade organizativa e que se trata dunha cidade de ama e valora o deporte.

Durante a xuntanza o comitiva galega entregou aos responsables da FISU unha escultura de bronce do artistas vigués J.C. Flores. Trátase dun lanzador de disco no momento do máximo esforzo, unha representación que ben pode facerse extensible ao momento que vive a cidade de Vigo, un período de esforzo e capacidade de traballo na procura da candidatura oficial á Universiada. A delegación viguesa saíu desta xuntanza con sensacións moi positivas, xa que volveu a quedar de manifesto a solidez da candidatura e a capacidade organizativa da cidade. O alcalde de Vigo saliento a importancia desta reunión na que a delegación "soubo transmitir o entusiasmo da cidade por este proxecto" e destacou que esta xuntanza supón un "impulso moi importante para a nosa candidatura, que é sólida e que demostra a capacidade de Vigo para acoller o evento". Abel Caballero destacou as felicitacións por parte dos responsables da FISU, que foron máis alá das protocolarias, no referente ao Dossier de Candidatura presentado. Caballero dixo ter a impresión de que Vigo ten un tamaño de cidade perfecto para ser quen de involucrar a toda unha cidade, para que todos os vigueses e viguesas poidan vivir a Universiada. Pola súa banda o tenente de alcalde, Santiago Domínguez, amosou a súa satisfacción polo encontro e dixo que "temos razóns para ser optimistas". "Unha vez máis recibimos palabras de eloxio polo traballo presentado e por iso temos que estar moi orgullosos", salientou o tenente de alcalde, quen lembrou que pase o que pase, "o importante e que xa se fala de Vigo", algo que demostra que "podemos competir con calquera porque temos una candidatura forte, coherente e realista".

Apoio das institucións europeas
A candidatura de Vigo é a única presentada na Unión Europea, polo que o equipo desprezado a Bruxelas quixo implicar ás institucións europeas, empezando polas galegas. Por este motivo, primeiramente foron recibidos na Fundación Galicia Europa pola súa directora, Ana Ramos, e polo Secretario de Relacións Externas da Xunta de Galicia, Julio César Fernández. Ramos amosou todo o seu apoio co proxecto galego e comprometeuse a facer todo o posible para impulsar a candidatura mobilizando os seus recursos para traballar conxuntamente co Concello de Vigo.

Máis tarde a delegación viguesa desprazouse á sede do Parlamento Europeo para se reunir cos eurodeputados galegos Rosa Miguélez Ramos (PSOE), Antolín Sánchez Presedo (PSOE), Daniel Varela Suanzes-Carpegna (PP) e Francisco José Millán Mon (PP). Nesta xuntanza tamén estivo presente o Xefe de Unidade adxunto da Unidade de Deportes da Dirección Xeral de Educación e Cultura da Comisión Europea, Pedro Velázquez Hernández e a Vicepresidenta da Alianza Libre Europea e representante da coalición BNG-Galeuscat, Ana Miranda. No encontro acordouse tratar de conseguir o pronunciamento dalgún organismo da Unión Europea apoiando a candidatura, feito que sería moi importante de cara ao día 31 de maio xa que nese momento se decidirá a cidade oficial. Na reunión do Parlamento todos os presentes valoraron positivamente o feito de que Vigo sexa a representante da Unión Europea neste proceso e o propio Pedro Velázquez salientou que o seu Comisario pensa que este tipo de eventos son os que máis se deben apoiar porque reúnen deporte, cultura e formación. As xestións para acadar esta apoio comezaron hoxe mesmo.
1207746067P1010018.JPG
1207746082P1010009.JPG
Descargar todas as imaxes