Escoitar

O Forum Orienta ofrece información da oferta universitaria galega

O Forum Orienta 2008, que se celebrará no Instituto Ferial de Vigo (IFEVI) do 8 ao 13 de abril, reserva un espazo destacado para as ensinanzas universitarias que ofertan as tres institucións galegas. Neste senso, este evento contará con diferentes stands especializados co obxectivo de ofrecer a información máis detallada sobre as posibilidades destes estudos así como das principais novidades que veñen da man da adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior.

martes, 8 abr 2008
1207655066forumorienta1.jpg
Así, os máis de 15.000 visitantes que previsiblemente recibirá o Forum poderán obter información sobre as propostas dos 5 novos títulos de grao que se impartirán nas universidades galegas en caso de superar todos os trámites, e que serían, pola Universidade da Coruña: Grao en Socioloxía e Grao en Terapia Ocupacional; pola Universidade de Santiago de Compostela: Grao en Ciencia Política e da Administración e Grao en Matemáticas; e pola Universidade de Vigo: Grao en Belas Artes.

Ao mesmo tempo, os alumnos que desexen achegarse ata o Forum poderán coñecer a oferta de títulos de posgrao adaptados a Europa, que suman un total de 142 para o próximo curso (97 títulos de Master e 45 Programas de Doutoramento), recoñecibles en todo o territorio da Unión Europea e a prezos públicos.

Así, na área de stands do Forum Orienta terá representación o Sistema Universitario de Galicia (SUG), con información práctica sobre a investigación no SUG, cunha actividade sobre a Unidade de Muller e Ciencia, o Espazo Europeo de Educación Superior (EEES), as bolsas e axudas para alumnos universitarios, a oferta de títulos das universidades galegas e as saídas profesionais e inserción laboral dos universitarios. Ao mesmo tempo, cada unha das universidades galegas contará co seu propio stand, que achegarán información sobre a oferta completa de estudos de cada institución así como das bolsas, residencias e comedores, deportes e actividades culturais.

Ademais, no Forum Orienta haberá tamén un posto da Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG), onde se informará sobre as probas de acceso á universidade e as notas de corte, entre outros temas.

En barco pola ría de Vigo

Entre as novidades desta edición destaca a posibilidade de realizar visitas organizadas a dous barcos da Escola Técnica Superior de Náutica e Máquinas da Universidade da Coruña, que se instalarán no porto de Vigo e no que os estudantes desta Escola amosarán aos asistentes as características das naves nas que eles realizan prácticas. Deste xeito, os alumnos que o desexen poderán desprazarse ao pantalán do Náutico de Vigo, onde estarán atracados dous barcos de prácticas da ETSNM, Marineda e Breogán, para facer unha saída pola ría de Vigo e recibir información do centro.

A navegación terá unha duración dunha hora, e en cada embarque poderán acceder 24 alumnos. Os horarios previstos de navegación serán de 10 a 14 horas, o que permitirá acceder a 100 alumnos pola mañá; e de 15 a 17 horas, contabilizándose 50 alumnos máis.

Información sobre títulos e actividades paralelas

Entre as novidades desta feira do ensino superior de Galicia para este ano destaca a celebración do acto de entrega de premios Fin de Carreira de Galicia aos alumnos con mellores expedientes nas universidades do SUG. Así mesmo, haberá simulacros de realidade virtual, loitas de robots e actividades relacionadas coa investigación mariña. Tamén como novidade, o Forum Orienta presentouse dentro da Feira Aula (Salón internacional do estudante e da oferta educativa), que se está a celebrar no IFEMA (Institución Ferial de Madrid) do 2 ao 6 de abril.

O Forum Orienta 2008 ofrecerá aos visitantes toda a información sobre a oferta de ensinanzas universitarias, artísticas e dos ciclos formativos de grao superior, destacando as novidades dos próximos títulos de grao e de formación profesional, e as oportunidades dos titulados superiores no mundo laboral.

Na área de actividades, os visitantes poderán participar nas demostracións, charlas, mesas redondas e proxeccións que se organicen. Ata o momento están inscritos para percorrer o Forum un total de 136 centros educativos, que espera recibir máis de 15.000 visitantes. Neste senso, o alumnado asistente e os profesores acompañantes recibirán unha bolsa que contén diverso material informativo; ademais, toda a información relativa ao Forum Orienta ’08 pode ser consultada no seguinte enderezo: www.forumorienta.es.

O Forum Orienta 2008 está organizado pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria coa colaboración de Caixanova e a participación das tres universidades galegas, da Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG) e da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible.
Descargar todas as imaxes

Máis información