Escoitar

O ungüentario volta a Vigo e pasa a formar parte da sección de Arqueoloxía do Museo do Mar

O ungüentario palestiniano, atopado nas obras de execución do túnel do Areal, ocupa desde hoxe un espazo na sección de Arqueoloxía do Museo do Mar de Galicia, ubicado en Alcabre. No acto de depósito da peza, que contou coa presenza da conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, o alcalde da cidade, Abel Caballero, o tenente de alcalde, Santi Domínguez, o director xeral de Patrimonio, Felipe Arias, a concelleira de Patrimonio Histórico, Elena Maure, e o director do Museo, Pablo Carrera. A conselleira de Cultura e o director xeral de Patrimonio explicaron que o Museo do Mar reúne as características máis axeitadas para a súa correcta conservación e a súa función cultural e científica, por tratarse dunha peza vinculada aos contactos por vía marítima da Galicia antiga.

luns, 7 abr 2008
1207572678unguentario070408.jpg
"Hoxe é un día moi importante na cidade", salientou Abel Caballero, quen subliñou a relevancia arqueolóxica da peza, "porque forma parte da historia da cidade", e agradeceu a sensibilidade amosada pola conselleira de Cultura e a súa disposición "ao traer a Vigo o ungüentario nas mellores condicións posibles". Neste mesmo sentido expresouse Santi Domínguez, quen asegurou que desde o primeiro momento dende a Consellería de Cultura se manifestara a intención de que o ungüentario fora exposto en Vigo para poder ser contemplado polos vigueses e viguesas. Ámbolos dous coincidiron ao sinalar que hoxe se demostra que houbo un intento de manter una polémica "estéril" e "artificial". Ao respecto, Ánxela Bugallo, tras agradecer as palabras dos representantes municipais, sinalou que "sempre houbo o compromiso de trasladar a peza á cidade despois de ter feito os traballos de documentación pertinentes e de acondicionar o espazo expositor". A conselleira de Cultura engadíu que con seu depósito en Vigo dase cumprimento ao solicitado polo Parlamento, logo de que o goberno do PP trasladara en 2004 a peza ao Museo das Peregrinacións, en Santiago de Compostela.

O ungüentario é unha peza cerámica procedente da rexión de Palestina, probablemente do século VI ou VII, e chegou a Vigo procedente do mar, polo que insírese no contexto das primeiras etapas da historia da cidade. Ten unha dimensión de 15,5 centímetros de longo conservado e 5 centímetros de diámetro exterior máximo, cunha banda de engobe arrubiado na parte superior e un selo impreso polo exterior e cerca do fondo da peza, cunha áncora con brazos en cruz. Segundo o director xeral de Patrimonio, este último elemento e a propia forma da peza permite asociala a un tipo de cerámica de época paleocristiá tardía. A súa función é a de servir de contedor de ungüentos, de augas ou aceites considerados sagrados.

A súa presenza nun dos xacementos urbanos do Vigo actual explícase pola súa relación co tráfico e co comercio marítimo que esta cidade tivo na época galaico-romana, vinculado a súa vez ás explotacións pesqueiras e de salgado que nos últimos anos se veñen documentando en toda a banda do Areal. Xunto cos restos do poboado prerromano aparecido na Punta do Muíño e co futuro Centro de Arqueoloxía Subacuática que se erixirá lindeiro co propio Museo do Mar, o ungüentario é un elemento fundamental dos contidos de carácter arqueolóxico do centro para explicar a relación da cidade co mar.
Descargar todas as imaxes