Escoitar

Sesión informativa aos veciños sobre os programas de axudas á rehabilitación

O Consorcio do Casco Vello de Vigo e a Oficina Municipal de Rehabilitación Casco Vello-Bouzas convocan unha sesión informativa aos veciños, o luns 7 de abril, ás 19h30 no CITIC (Rúa de San Vicente) para explicarlles que tipos de axudas á rehabilitación están dispoñibles neste momento para propietarios privados.

venres, 4 abr 2008
No transcurso da sesión, darase conta dos programas de subvencións que ofrece tanto a Oficina de Rehabilitación como o Consorcio do Casco Vello de Vigo.

A gran novidade deste ano son as axudas para actuacións en edificios, vivendas e locais comerciais, dentro da Área de Rehabilitación do Centro Histórico 'PEPRI Casco Vello'. Estas axudas, de 300.000 no seu conxunto, están enfocadas especialmente aos locais comerciais, con axudas ao baleirado, mellora da instalación eléctrica e outras actuacións interiores, extensivas a vivendas e nas zonas comúns de edificios.

Ademais, mantense o programa de axudas á rehabilitación de fachadas e cuberta, cun orzamento por parte do consorcio de 120.000 euros. Ambas as axudas son compatibles.

Na sesión participará a directora da Oficina de Rehabilitación, Ana Sánchez, e persoal técnico do Consorcio do Casco Vello de Vigo.

A sesión informativa insírese nun amplo programa de difusión destas subvencións, que se completa cunha campaña de información sobre a convocatoria dos programas de axudas entre os veciños e comerciantes do casco vello.

Máis información nas oficinas do Consorcio do Casco Vello de Vigo (praza da Princesa, 7-1º) e no teléfono 986442638.