Escoitar

Novas axudas para rehabilitar edificios e locais do Casco Vello cunha partida de 300.000 euros

O tenente de alcalde e concelleiro de Cascos Históricos, Santi Domínguez, presentou este xoves as subvencións para levar a cabo rehabilitacións no Casco Vello, que inclúen como novidade este ano a convocatoria de axudas para a mellora interior de edificios e locais comerciais, ademais das axudas para cubertas e fachadas xa existentes.

xoves, 27 mar 2008
1206628824cascovello270308.jpg
Segundo explicou o tenente de alcalde, o importe total das axudas multiplícase por catro nesta convocatoria, xa que ascende a 420.000 euros, 300.000 destinados á rehabilitación de edificios e locais e 120.000 para as fachadas e as cubertas.

"As axudas para edificios e locais comerciais, de nova creación, queren atender aqueles particulares que até agora quedaban fóra das subvencións de reforma de cubertas e fachadas e demais supostos xestionados pola Oficina de Rehabilitación", explicou Santi Domínguez, quen engadiu que en concreto, facilitarán o baleirado de interiores, a mellora de instalacións eléctricas, a construción en terreos sen edificar e demais remodelacións, especialmente pensadas para os locais comerciais, desprotexidos até agora.

Poden solicitar estas axudas tanto as persoas propietarias de edificios, vivendas e locais comerciais como os inquilinos. Teñen de prazo para presentar as solicitudes ata o vindeiro 27 de abril e as actuacións deberán iniciarse no 2008 e rematar antes do 16 de marzo do 2009.

As subvencións establecen contías mínimas de 2.000 euros e máximas de 24.000 euros do orzamento de cada actuación para as individualizadas nas vivendas ou nos locais comerciais e de 6.000 e 80.000 euros nos edificios. Establécese unha axuda liñal a fondo perdido aplicable ao 50 por cento que poderá incrementarse ata o 70 por cento, de xeito que non poderá superar os 18.000 euros nos locais comerciais e nas vivendas e os 36.000 euros nas relativas aos edificios.

A estas axudas hai que engadir os 120.000 euros para o programa de rehabilitación de cubertas e fachadas, que xa se executou con éxito durante o 2007, ano no que se outorgaron 104.000 euros en axudas. Tanto propietarios como inquilinos interesados poden solicitar as axudas, presentando a documentación antes do 28 de abril. Neste caso tamén se establecen unhas contías mínimas e máximas do orzamento protexible de cada actuación que ascende a 1.000 e 12.000 euros para as individualizadas nos locais e 3.000 e 6.000 euros nos edificios, respectivamente.

Ademais, a subvención liñal a fondo perdido do 50 por cento pode incrementarse ata o 70 por cento, de xeito que a axuda non pode superar os 12.000 euros para as actuacións individualizadas nos locais comerciais ou vivendas e 30.000 euros nas relativas a edificios. As obras correpondentes a estas subvencións non se poden iniciar mentres non se teña informaición oficial do outorgamento da axuda e ten que rematarse antes do 10 de novembro do 2008.

Segundo sinalou o tenente de alcalde, en ambos os dous tipos de subvenvións, as persoas solicitantes teñen que estar libres de calquera tipo de débedas co Concello de Vigo, a Seguridade Social, a Axencia Tributaria ou Facenda. Ademais os inmobles que se queiran rehabilitar teñen que ser ou estar localizados nun edificio cunha antigüidade superior aos 50 anos, estar en condicións axeitadas de seguridade e ter pasado a Inspección Técnica de Edificacións (ITE) "para que as actuacións que se leven a cabo se desenvolvan coa maior seguridade posible".

"Esta iniciativa, que se enmarca no traballo que se está a levar a cabo dende a Concellería de Cascos Históricos e o Consorcio, ten como obxectivo recuperar o ritmo comercial do Casco Vello promovendo a actividade en todos os sectores mercantís como xeito de atraer poboación e visitantes aos barrios históricos", subliñou o tenente de alcalde, quen adiantou que xa se está pechando o proxecto de coidadores do Casco Vello. Trátase dun programa que ten por obxectivo a inserción laboral, xa que contratará a mulleres e parados de longa duración e incluirá entre dez e quince persoas que terán como cometido labores de coidado do barrio en canto ao seu mantemento e limpeza e asesoramento ás persoas que precisan diverso tipo de información, como solicitude de subvencións.
Descargar todas as imaxes