Escoitar

Caballero asegura ter "toda a vontade política" para aprobar o Plan Xeral en 2007

Abel Caballero asegurou este luns que o Goberno local ten "toda a vontade política" para aprobar o PXOM antes de fin de ano e que para iso conta coa "dedicación absoluta de toda a Área de Urbanismo". O alcalde fixo estas declaracións tras referirse aos cambios solicitados polo Concello á empresa redactora para a súa inclusión no Plan.

luns, 1 out 2007
1191241955xunta011007.jpg
Estes cambios foron o obxecto da reunión mantida o pasado xoves pola concelleira e a xerente de Urbanismo con responsables de Consultora Galega. O venres a concelleira de Urbanismo, Carmen Silva, explicou que o Goberno local solicitou a realización destas modificacións antes de finalizar a primeira quincena de novembro, algo que, segundo afirmou Caballero este luns, pode levarse a cabo "perfectamente".

Os cambios que o Goberno municipal quere incluír no PXOM son os seguintes:

1º.- Introducir o 40% de vivenda protexida en todos os ámbitos de solo urbano non consolidado e solo urbanizable.

2º.- Completar o cumprimento da Orde de 19 de xaneiro de 2007 da CPTOPT da Xunta de Galicia, en especial no referente ao establecemento da estratexia de actuación do Plan.

3º.- Cumprimentar os requisitos establecidos na resolución de 10 de setembro de 2007 da Consellería de Medio Ambiente en aspectos como o da estratexia de crecemento.

4º.- Revisar os convenios que se manteñen no Plan, tanto os realizados con particulares como con outras Administracións públicas, en especial no referente ao grao de compromiso alcanzado (garantías da súa subscrición na fase final da tramitación do Plan Xeral), financiamento e viabilidade.

5º.- Estudar certas puntualizacións solicitadas por determinadas asociacións de veciños sobre varios ámbitos da cidade. Trátase de puntualizacións de carácter social, tendentes ao mantemento de determinadas tipoloxías edificatorias e ao realoxo dos ocupantes.

6º.- Establecemento dunha metodoloxía de traballo coa Xerencia Municipal de Urbanismo, coa idea de fixar como prazo de entrega da documentación corrixida a primeira quincena de novembro de 2007.

O Goberno local quere que o PXOM inclúa estes cambios antes de rematar a primeira quincena de novembro, para que o Pleno da Corporación poida aprobalo ese mesmo mes. Deste xeito o Concello podería remitirlle o Plan á Xunta de Galicia con tempo suficiente para a súa aprobación definitiva antes de fin de ano.

Xunta de Goberno

Por outra parte, a Xunta de Goberno Local deu o seu visto bo, na súa reunión celebrada este luns, á aprobación técnica do proxecto modificado de mellora da avenida do Aeroporto e do Primeiro Cinto, cun orzamento adicional líquido de 466.000 euros, así como á do proxecto de execución da segunda fase da reurbanización da praza Eduardo Chao, cun orzamento de 172.000 euros.

Por último, a Xunta de Goberno aprobou unha solicitude de 33.000 euros ao Instituto Enerxético de Galicia (INEGA) para a substitución das cubertas do Parque Central de Servizos do Concello, actualmente constituídas por placas onduladas de uralita, sen illamento, por unha cuberta en panel sándwich, con illamento formado por escuma de poliuretano de 30 milímetros de espesor.
Descargar todas as imaxes