Escoitar

Santi Domínguez xestiona un acordo para utilizar as instalacións do Mercantil en actividades de Deporte e Cultura

<br /> O tenente de alcalde, Santi Domínguez, e os concelleiros de Cultura, Xesús López, e Deportes, Xabier Alonso, visitaron hoxe as instalacións deportivas do Mercantil para analizar as posibilidades que existen de chegar a algún tipo de acordo para a súa utilización en actividades promovidas desde o Concello de Vigo nás áreas de Deporte e Cultura. O obxectivo é que se inclúan tamén algunhas dependencias do edificio da rúa do Príncipe.<br />

venres, 28 set 2007
1190983965mercantil.jpg
Santi Domínguez manifestou tras a reunión mantida con representantes da sociedade que existe boa disposición pola súa parte para acadar un acordo que permita utilizar esas instalacións. Segundo manifestou, ao Concello lle interesaría poder contar co campo de herba sintética da Cidade Deportiva do Mercantil e tamén utilizar a biblioteca do edificio do Príncipe dentro da rede de bibliotecas que ten en marcha a Concellería de Cultura.

"A cidade ten unha grande demanda de determinadas actividades e temos que ser eficaces á hora de dar resposta a esas necesidades, por iso queremos aproveitar o que xa existe. Pensamos que as instalacións do Mercantil poden contribuír a paliar algunhas carencias que ten a cidade e ser utilizadas por toda a cidadanía", explicou o tenente de alcalde.

Santi Domínguez sinalou que nas vindeiras semanas haberá novos contactos para tratar de definir ata onde pode chegar este acordo.
Descargar todas as imaxes