Escoitar

A Casa das Artes e a Casa Galega da Cultura inician un ciclo de exposicións temporais

O concelleiro de Cultura, Xesús López, presentou este xoves no Concello un avance da programación das novas exposicións temporais que terán lugar na Casa das Artes e na Casa Galega da Cultura nos vindeiros meses.

xoves, 27 set 2007
1190892058cultura270907.jpg
A programación da Casa das Artes, presentada este xoves polo concelleiro de Cultura, Xesús López, inclúe, para os vindeiros meses, oito exposicións temporais. A primeira delas, que comezou o pasado luns 24 de setembro e durará até o vindeiro domingo 30 de setembro, titúlase "Un país desde as táboas. 125 anos de teatro galego", unha exposición que fai un repaso pola historia do teatro galego. A partir de outubro e até o 11 de novembro, será a mostra "Nazón de Breogán. Un xeito de soñar Galicia"a que ocupe unha das salas da planta baixa do museo xunto coa exposición "Nelson Villalobos" que comezará o día 5 de decembro e rematará o 13 de xaneiro.

No primeiro andar da Casa das Artes, dende o 3 de outubro e até o 28 do mesmo mes, permanecerá a mostra "XII Maratón Fotográfico -Concello de Vigo-", onde se amosarán as mellores fotos do concurso, que leva o mesmo nome, patrocinado polo Concello. A delegación de Vigo do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia xunto coa concellería de Cultura organizan tres exposicións, "Campus de Vigo. A construcción dunha identidade", "Provocación constructiva. Nova arquitectura, deseño sostibel en Vorarlberg" e "Premios Grandearea de arquitectura", con temas relacionados coa arquitectura, ubicadas nunha sala do primeiro andar do museo dende o 1 de outubro até o 4 de novembro. "Fotciencia 06. Certame Nacional de Fotografía científica" é a última desta serie de exposicións temporais da Casa das Artes e poderase visitar a partir do 30 de novembro e até o 6 de xaneiro de 2008.

Por outra banda, a Casa Galega da Cultura alberga dúas exposicións temporais. Unha delas, "Afinidades Selectivas", é froito dun convenio de colaboración entre o Concello de Vigo e a Universidade de Vigo e expoñerá traballos realizados polos alumnos da facultade de Belas Artes de Pontevedra dende o 27 de setembro e até o 4 de novembro. A outra, unha exposición de traballos de deseño de moda de alumnos de Estudios Superiores en Deseño Textil e Moda de Galiza, consistirá en mostrar maniquíes vestidos cos propios deseños dos estudiantes e se poderá visitar até o 6 de xaneiro de 2008 dende o vindeiro mes de novembro.

Todas estas exposicións podénse complementar coas mostras que ofrecen o Museo Quiñones de León, o Marco e o Verbum.
Descargar todas as imaxes

Máis información