Escoitar

O Pleno debaterá o informe do Valedor do Cidadán a finais de setembro

O informe do Valedor do Cidadán será debatido polo Pleno da Corporación Municipal nunha sesión extraordinaria a finais de setembro, segundo anunciou o alcalde, Abel Caballero, despois da reunión que mantivo este mércores no seu despacho co Valedor, Luis Espada.

mércores, 1 ago 2007
1185971621valedor010807.jpg
Caballero manifestou a súa "vontade de potenciar ao máximo a figura do Valedor como institución", así como "a súa capacidade de actuar", para que os cidadáns recurran con máis frecuencia aos seus servizos e para que o propio Valedor resolva da maneira máis eficaz posible as cuestións que se lle presentan. O alcalde tamén brindou o seu apoio para que o Valedor manteña unha relación máis fluída con outras figuras similares a nivel de todo o Estado.

Caballero felicitou a Luis Espada polo "traballo espléndido" realizado nos últimos catro anos e afirmou que "a cidade de Vigo está en débeda con el". En relación ao mandato que agora comeza, o alcalde anunciou que contactará inmediatamente cos tres grupos políticos municipais para tratar a posible renovación de Luis Espada no seu cargo, de cara á toma dunha decisión sobre esta materia en setembro por parte do Pleno.

Durante a xuntanza deste mércores, o Valedor do Cidadán entregoulle ao alcalde o seu proxecto de ordenanza municipal para a protección do medio ambiente en materia de ruídos e vibracións, documento que a Concellería de Medio Ambiente comezará a estudar en breve, segundo adiantou Abel Caballero.

Ademais, Luis Espada informou o alcalde sobre a situación actual dos estudos realizados baixo a súa supervisión en relación aos hábitos de consumo sostible e sobre o tráfico en Vigo. Nestes momentos, estes dous infomes están na imprenta.
Descargar todas as imaxes