Escoitar

O tenente de alcalde anima a participar na XXIX travesía a nado Trofeo Ría de Vigo

O tenente de alcalde, Santiago Domínguez, anima o público a participar na XXIX travesía a nado Trofeo Ría de Vigo, un "clásico" nas probas do verán que congrega a numerosos deportistas, non só galegos, senón tamén das comunidades de Asturias e Castela e León, así como de Portugal.

mércores, 1 ago 2007
Na presentación desta proba, Santiago Domínguez salientou a importancia deste evento, que terá lugar o vindeiro 5 de agosto, a partires das 11 horas na praia do Vao, como elemento de promoción do maior tesouro da cidade, que é a súa ría.

Ademais de agradecer o compromiso de El Corte Inglés coa celebración da proba, o tenente de alcalde subliñou a sensibilidade de organizar "dúas probas nunha", o cal posibilita que "todas e todos podamos gozar con este deporte".

Trátase dunha travesía puntuable para a cuarta edición do Circuíto Galego de Augas Abertas da Federación Galega de Natación, que é xa un referente non só autonómico, senón tamén estatal. Nela participarán arredor de 300 deportistas, entre os que figuran os nadadores que teñen acadado os mellores resultados nos últimos meses.

O prazo de inscrición para a proba, que constará dun percorrido de 2.500 metros e outro de 900, remata mañá xoves, 2 de agosto, e pode facerse no segundo andar de El Corte Inglés ou no teléfono 986 415 111.