Escoitar

Domínguez salienta o papel do IFEVI como elemento para promocionar a imaxe da cidade

O tenente de alcalde, Santiago Domínguez, mantivo este mércores a súa primeira xuntanza con xerente do IFEVI, Arsenio Prieto. Tras o encontro, Domínguez salientou o papel que xoga o IFEVI como elemento para promocionar a imaxe da cidade.

mércores, 1 ago 2007
Santiago Domínguez considera que o IFEVI é un instrumento esencial para promocionar a cidade máis alá das nosas fronteiras, coa organización de eventos culturais, deportivos e musicais de nivel estatal e internacional. Neste sentido, a Concellería de Industria, Comercio e Turismo estará en contacto permanente co IFEVI e traballará directamente coas concellerías de Cultura e Mocidade.

Domínguez adiantou que se captarán para o IFEVI actividades relacionadas coa economía e a empresa, fomentando, desta maneira, o turismo de congresos.

Por outra banda, o Concello quere potenciar o IFEVI como escenario de destacados eventos musicais durante todo o ano. Para iso, iniciaranse os contactos necesarios coas promotoras máis importantes co obxectivo de conseguir que Vigo figure nos circuítos musicais estatais e internacionais, e poida albergar concertos para un público de entre 12.000 e 14.000 persoas.

Ademais, o tenente de alcalde salientou a importancia do IFEVI como peza fundamental na presentación da Universiada, tendo en conta tanto a experiencia do recinto na realización de importantes actividades deportivas e culturais como a súa proximidade ao Aeroporto de Peinador.