Escoitar

O Consello Escolar Municipal rexeita o proxecto de Lei de Calidade de Ensinanza

martes, 28 mai 2002
O Consello Escolar Municipal acordou rexeitar o proxecto de Lei de Calidade da Ensinanza e asumiu por consenso o documento marco de síntese elaborado pola Xunta Autonómica de Directores. Este documento recolle, entre outros, a necesidade de dotar o sistema educativo dun marco estable consensuado que perdure no tempo co fin de evitar os continuos cambios.

O documento recolle o apoio decidido á diversificación curricular, ós reforzos educativos e á atención ó alumnado con necesidades educativas especiais e á escolarización obrigatoria dende os tres ata o 16 anos.

Establece tamén a necesidade imperativa de concretar o orzamento que acompañe esta nova normativa e que os itinerarios da Eso deben conducir á mesma titulación e a obrigatoriedade de impartilos en tódolos centros. O mantemento de tódalas modalidades de bacharelato incluíndo o bacharelato tecnolóxico e a necesidade de diminución da ratio de alumnos por aula que quedarían en 15 alumnos en infantil, 20 en primaria, 25 na Eso, 30 no bacharelato e 20 nos CCFF (incluíndo os repetidores) son outras das reclamacións.

A función directiva debe ter unha consideración de equipo directivo e non baseado só no cargo de director. O resto dos cargos directivos deben ser ampliados co de vicedirector e administrador, e o director debe ter o apoio explícito da comunidade educativa. As áreas curriculares deben racionalizarse sen provocar incremento da xornada escolar e deben definirse as áreas en primaria, conclúe o documento.