Escoitar

O Goberno municipal acorda asinar un convenio coa Xunta para a recadación de sancións e tributos fóra do ámbito municipal

luns, 27 mai 2002
A Comisión de Goberno aprobou hoxe o borrador do convenio que o Concello pretende subscribir coa Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia para que a Administración autonómica colabore na recadación dos tributos e sancións municipais cando estén en vía executiva e a xestión deba realizarse fóra do término municipal de Vigo.

No convenio indícase que nos casos citados, cando venzan os prazos de ingreso voluntario das multas ou dos tributos sen que se satisfagan as débedas, o Concello expedirá a correspondente providencia e a remitirá ao órgano competente da Consellería de Economía e Facenda. Será a Consellería a encargada do cobro das débedas polos procedementos legalmente establecidos, chegando incluso a executar procedementos de embargo. Dentro dos quince primeiros días de cada mes, a Xunta practicará liquidación da xestión recadadora realizada no mes anterior por conta do Concello, procedendo a facer a correspondente transferencia ás arcas municipais.

Con este convenio, o Concello de Vigo acóllese á posibilidade que lle ofrece a Lei Reguladora de Facendas Locais, que determina que as actuacións en materia de recadación executiva que se teñan que levar a cabo fóra do territorio da Entidade local en relación cos seus tributos poderán ser practicadas polos órganos competentes da Comunidade Autónoma.