Escoitar

A Comisión da Bicicleta anima á participación no circuíto para nenos do sábado e na marcha ciclista do domingo

A Comisión da Bicicleta, da que forman parte representantes de todos os grupos políticos presentes no Concello, anima a cidadanía a participar nas actividades organizadas con motivo da marcha ciclista "Coñece Vigo a golpe de pedal", que percorrerá a cidade o domingo 25.

venres, 23 set 2005
1127481269pedal2309.jpeg
Circuíto de educación vial

No marco desta actividade celebrarase, mañá sábado 24 de setembro, a partir das 16:00, unha xornada dedicada á educación vial e á diversión dos nenos e das nenas. Así, o casco urbano de Bouzas acollerá circuítos de educación vial, habilidade e cross, ademais dun taller de reparación. Os cativos tamén poderán divertirse aprendendo a pedalear sen rodiñas.

A promoción do ciclismo entre os nenos é froito da colaboración do Concello coa Axencia Española de Seguridade Alimentaria, que pretende difundir bos hábitos nutricionais e o costume de facer exercicio para previr a obesidade infantil.

Marcha ciclista

O domingo 25 a marcha ciclista "Coñece Vigo a golpe de pedal" percorrerá a cidade por cuarta ocasión. Segundo a concelleira de Deportes, Lucía Molares, este evento demostrará que "a bicicleta pode ser unha forma habitual de desprazamento". A intención do Concello e da asociación "A golpe de pedal", que organizan o evento, é promocionar o uso e goce deste vehículo entre todos os cidadáns independentemente da súa idade e sexo, sensibilizando a sociedade sobre a súa utilización como medio de transporte alternativo.

Por outra parte, a marcha pode servir para gozar dun percorrido pola nosa cidade no que se visitarán diversos lugares de interese. Así, os participantes concentraranse ás 10:00 do domingo e, despois do reparto de dorsais, comezarán a pedalear ás 11:00 desde a praza do Rei para completaren un itinerario de 15 kilómetros ata a praza do Berbés. Cando cheguen aquí, terán pasado por Buenos Aires, Policarpo Sanz, Travesas e Beiramar, entre outros lugares. A marcha "Coñece Vigo a golpe de pedal" reuniu na súa pasada edición uns mil ciclistas.

Á parte disto, o Concello concedeu o 2º premio "A golpe de pedal" a José María Estévez Álvarez, enxeñeiro que deseñou o parque de educación vial para bicicletas do Castro en 1972.

Para máis información sobre a marcha ciclista "Coñece Vigo a golpe de pedal" pódese visitar a páxina web www.agolpedepedal@terra.es ou chamar aos números de teléfono 687 002 128, 606 456 631 ou 658 659 234.
Descargar todas as imaxes