Escoitar

O Concello achega outros 60.000 euros para a realización de proxectos solidarios no Terceiro Mundo

A concelleira de Benestar Social e Participación Cidadá, Marta Iglesias, e o presidente do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade (FGCS), Alfredo Novoa, asinaron hoxe venres un convenio de colaboración polo cal o Concello se compromete a achegar a esta asociación 60.000 euros para o desenvolvemento de proxectos en países subdesenvolvidos.

venres, 23 set 2005
1127481113convenio2309a.jpg
Esta cantidade sómase, en concepto de achega extraordinaria, á cota con que o Concello contribúe cada ano, desde 2000, a este Fondo, cota que en 2005 atinxe os 9.644 euros. Deste modo, para a realización dos 15 proxectos aceptados en 2005, o Fondo conta con 468.681 euros, grazas tamén á colaboración de concellos galegos que reúnen o 85% da poboación da nosa comunidade, así como de deputacións e cidadáns.

Marta Iglesias salientou a viabilidade e o interese dos proxectos do FGCS e afirmou que colaborar con esta asociación é unha boa maneira de "facer chegar recuros de forma operativa" a quen os necesita.

Pola súa parte, Alfredo Novoa asegurou que nos últimos anos se ten constatado un "avance importante" no campo da solidariedade entre os pobos, algo que na súa opinión evidencia a consolidación do Fondo Galego, que pasou de 3 proxectos e 23.575 euros en 1998 aos 15 proxectos e 468.681 euros actuais.

Áreas de actuación

Por áreas xeográficas, os proxectos da convocatoria de 2005 divídense entre África (cinco en Cabo Verde e un en Mauritania), América Central (tres en Nicaragua, un en Honduras e outro en El Salvador), América do Sur (tres en Perú) e Asia (un proxecto en Palestina). Con esta distribución consolídanse escenarios de intervención como Nicaragua, onde se teñen implementado xa oito proxectos do Fondo Galego, e Perú, que con once proxectos é o país onde máis cooperación se ten desenvolvido ata hoxe.

En canto aos sectores de intervención, levaranse a cabo dous proxectos de saúde, tres de capacitación, dous de educación, seis de infraestructuras, un de empoderamento das mulleres e un de transporte.

Cinco dos proxectos aprobados son de cooperación directa, unha modalidade que desde o Fondo Galego queren incrementar porque, segundo dixo Alfredo Novoa, "ninguén mellor que os propios afectados coñece o que é necesario". Os outros dez proxectos levaranse a cabo a través de entidades non gobernamentais.

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade naceu en 1997 como unha asociación voluntaria de municipios para xuntar e coordinar as políticas de cooperación dos concellos e as deputacións. O seu obxectivo é lograr transcender a simple axuda puntual aos países subdesenvolvidos para transformala nunha política sostida e permanete de colaboración que vaia máis alá das medidas sinxelamente paliativas. Deste xeito, quere axudar a sentar as bases que permitan a construcción de sociedades máis desenvolvidas e dignas.
Descargar todas as imaxes