Escoitar

O Mundial de GP Boats achégase á ría de Vigo

A dársena de Bouzas acollerá entre o 13 e o 15 de agosto a segunda proba do Mundial 2005 de GP Boats.

venres, 5 ago 2005
Entre os días 13 e 15 de agosto, a dársena de Bouzas acollerá a segunda proba do Mundial 2005 de GP Boats, na que participarán máis de vinte pilotos de todo o mundo. Esta semana foi homologado oficialmente o circuíto, que terá entre 1.600 e 1.950 metros de percorrido, dependendo do estado do mar. As excelentes condicións da dársena de Bouzas permitiron que a homologación do circuíto sexa para 20 barcos, en lugar dos 16 habituais. Esto permitirá competir xuntos á maior parte dos pilotos que se dean cita na cidade.

O Mundial de GP Boats é unha das probas máis espectaculares da motonáutica, xa que as embarcacións alcanzan velocidades de vertixe. O público poderá seguir todas as carreiras dende os espigóns da dársena de Bouzas, xa que a competición se celebra no seu interior.

A Vigo virán os mellores pilotos de Boats GP do planeta procedentes dunha ducia de países distintos. Os grandes favoritos son o sueco Jonas Andersson e o británico Mark Rolls. O sueco foi dous veces campión do mundo, pero Rolls arrebatoulle este ano a primeira proba puntuable para o Mundial, disputada en Letonia. Vigo será a segunda oportunidade do ano para que estes pilotos se vexan as caras.

Outros moitos lles porán as cousas difíciles. Os irmáns ingleses Owen e Collin Jelf, o norteamericano Jay Price, o árabe Arieg Al Zarfien e o letón Gennady Tuckovs son algúns dos nomes a ter en conta. Só un español se medirá con eles, Francisco Sánchez, do equipo Mori-Sancon Team.

A organización do Mundial GP Boats, está en mans dunha empresa dirixida polo vigués José Luis del Palacio, que contou coa colaboración do Concello e a Xunta de Galicia para por en marcha a proba de Vigo. A eles debe sumarse o patrocinador principal do mundial, ING Direct. A empresa viguesa Marina Davila Sport, en cuxa dársena se celebrará esta proba, puxo a disposición da organización todas as súas instalacións.

A diferencia de outras competicións náuticas, difíciles de seguir dende terra, as probas de Boats GP, ao celebrarse nas dársenas do porto, permiten ao público ver todas as probas con facilidade, polo que o campionato de Vigo debe ser un gran éxito de público.