Escoitar

A reconstrucción da pérgola de Genaro de la Fuente estará lista en 3 meses

A adxudicación correspondeulle á empresa Movexvial que propuxo un orzamento de 250.168 euros. A Xunta de Goberno aprobou tamén un convenio con Alecrín en materia de Muller, a adxudicación a Movexvial das obras de reconstrucción da pérgola de Genaro de la Fuente e as condicións das obras de instalación de dous ascensores no Concello.

martes, 26 xul 2005
A Xunta de Goberno Local acordou, na sesión ordinaria que hoxe martes se reuniu ao remate do Pleno da Corporación, a ampliación do servizo de limpeza de praias na temporada de verán de 2004 (plan de choque de praias) por un importe de 293.473 euros.

En materia de Muller a Xunta acordou aprobar o convenio de colaboración co Grupo de estudos sobre a condición da Muller "Alecrín" para garantir o libre acceso do público en xeral ao "Centro de Documentación e Biblioteca Alecrín" (CDB). Coa intención de divulgar as contribucións culturais, sociais e científicas elaboradas por mulleres e homes dende unha perspectiva de xénero e sendo o Concello incapaz de facelo pola falta de medios humanos e materiais, acórdase este proxecto de convenio cunha dotación de 24.000 euros para o Grupo Alecrín. O CDB realizará, entre outras, tarefas de difusión selectiva de información ao resto das asociacións e centros de ensino, artellar servizos de teledocumentación, realizar unha labor de seguimento do BOE, BOP e DOG en materia de Muller e mantemento e actualización da páxina web.

A Xunta de Goberno aprobou, no área de Participación Cidadá, a segunda renovación da cesión en uso dos locais do Viveiro de Asociacións a favor do Plan Comunitario Casco Vello, Asociación Galega de Lupus(AGAL) e a Asociación de enfermos de Alzheimer e outras Demencias de Galicia (AFAGA) cunha cota de coparticipación nos gastos correntes do inmoble de 731, 544 e 1.381 euros.

A Xunta de Goberno deu luz verde á aprobación técnica do proxecto de reconstrucción da pérgola da rúa Jenaro de la Fuente. A adxudicación correspondeulle a Movexvial SL cun importe de 250.168 euros que se axusta ao orzamento base de licitación. As obras supoñen melloras de calidade estética e funcional, un prazo de execución de 3 meses e unha garantía de 2 anos.

A Xunta acordou tamén as condicións para levar a concurso a selección dun contratista para levar a cabo a subministración de materiais e instalación de dous ascensores no edificio do Concello cun gasto máximo de 208.500 euros.