Escoitar

O Pleno aproba a realización dunha auditoría da depuradora do Lagares

O grupo municipal do PSdeG-PSOE, a través da súa portavoz, María Xosé Porteiro, solicitoulle ao goberno municipal, por medio dunha moción presentada no Pleno de hoxe, martes 26 de xullo, a realización dunha auditoría completa e exhaustiva da planta da depuradora do Lagares.

martes, 26 xul 2005
1122380368plennno.jpg
O obxectivo desta auditoría é o de constituír unha comisión para estudar posibles responsabilidades polas molestias que vén provocando a depuradora aos veciños da zona. Na mesma moción, que o Pleno aprobou por unanimidade, María Xosé Porteiro pediu un estudo que determine as obras que serían necesarias para proceder a mellorar o tratamento das áreas e mais a cobertura da actual planta depuradora. Neste estudo contemplarase, ademais, un avance do seu posible custo e vías de financiamento.

Así mesmo, a moción socialista propón elaborar un protocolo de funcionamento no que queden perfectamente determinadas e delimitadas as obrigas e dereitos do Concello e da empresa adxudicataria para a explotación e mantemento da depuradora, equivalente ao que terían sido as cláusulas de concesión deste servizo.

A proposta do PSdeG-PSOE lembra a necesidade de realizar un estudo fitosanitario e epidemiolóxico nas parroquias afectadas pola convivencia coa depuradora do Lagares, para determinar se hai algún tipo de afección nos cultivos ou plantas da zona e polo tanto poder detectar posibles ameazas para a saúde dos veciños.

Persoas de mobilidade reducida

Ademais, o Pleno aprobou por unanimidade outra moción do PSdeG-PSOE na que se lle propón á alcaldesa a convocatoria do Consello Local de Accesibilidade, onde están representadas as asociacións que agrupan as persoas de mobilidade reducida. O Consello Local de Accesibilidade deberá ter en conta o informe elaborado pola Comisión de Mobilidade e Transporte e canalizar as propostas do programa Integra de Vitrasa, "dotándoas dun maior e mellor contido".

Por outra parte, de acordo con outra moción presentada polo PSdeG-PSOE e aprobada por unanimidade, o goberno municipal deberá elaborar un plan de acción para erradicar as causas que motivan as reclamacións patrimoniais dos cidadáns polo funcionamento dos servizos públicos.

Mocións de BNG e PG

O BNG presentou no pleno de hoxe dúas mocións que resultaron aprobadas co apoio de todos os grupos. A primeira destas mocións insta o goberno municipal a realizar as xestións oportunas para subsanar as irregularidades no servizo de Correos no barrio de Alcabre. En virtude da segunda moción, deberán arranxarse as deficiencias da pista de fútbol de San Xoán do Monte.

Pola súa banda, o PG obtivo un respaldo unánime ao propor que o Concello se dirixa ao Padroado das Illas Atlánticas para que de maneira urxente elabore e execute un proxecto de depuración integral das augas fecais das Illas Cíes. Por último, tamén recibiu o apoio dos restantes grupos a súa proposta de asfaltado, o máis axiña posible, das rúas Alcalde de Lavadores e Ceboleira. Polo mesmo acordo, deberase construír unha rotonda no cruzamento de Alcalde de Lavadores coa rúa do Gandarón, rúa que deberá ser asfaltada no menor prazo de tempo posible.
Descargar todas as imaxes