Escoitar

O Verbum contará cunha biblioteca de verán e outras actividades para a temporada

A Casa das Palabras presentou a súa programación de verán que consta de actividades relacionadas co mundo da lectura, o cómic, a música e, por suposto, o Quixote.

mércores, 20 xul 2005
1121867693cea.jpg
O concelleiro de Cultura, Ignacio López-Chaves e mailo director do museo Verbum presentaron hoxe mércores as novas actividades que a Casa das Palabras ten preparadas para os meses de verán. Entre elas destaca a apertura dunha biblioteca de verán que se habilitará en colaboración coa Biblioteca Central e que abrirá todos os días agás o luns (día de descanso no Verbum) en horario de 10 a 21 horas. Esta biblioteca contará cunha oferta semellante á da Central e poderase usar como sala de lectura e consulta e tamén disporá de servizo de empréstamo. Outra das novidades do Verbum será a súa aposta polo mundo do cómic, poñendo a disposición do público as últimas novidades deste estilo apto para todas as idades.

O Verbum dará continuidade á serie de obradoiros en colaboración coa Universidade de Vigo, así como ás actividades vinculadas ao carto centenario da publicación do Quixote. A música terá tamén un lugar especial, sempre próxima ao mundo da palabra, e o Verbum contará con actuacións de diversas corais da provincia. O día 29, con motivo da posta do sol, haberá un acto sorpresa na praia de Samil en colaboración co Verbum Jazz Café.

En relación coa serie de actividades relacionadas coa conmemoración da publicación do Quixote, o sábado 30 dende as 11 horas da mañá haberá un obradoiro dedicado aos nenos e levado por Anxo Fariñas, que tratará de achegar aos rapaces ao mundo da lectura e, por suposto, á figura do Quixote. Este acto consistirá na actuación dun contacontos moi particular e a realización de diversos xogos e actividades, así como a divulgación dos contos elaborados por Anxo Fariñas e dirixidos aos nenos onde, baseándose en historias ou personaxes do Quixote, o debuxante inventa historias onde sempre están presentes os valores que desprende a obra de Cervantes: a fantasía, a imaxinación, o humor ou o realismo de personaxes como Sancho Panza.
Descargar todas as imaxes