Escoitar

O Concello levará a cabo un Plan Estratéxico de Discapacitados para facer un estudo real e coñecer as súas necesidades

As asociacións Amencer, DOA e Hoy por Mañana visitaron á alcaldesa para obter axudas para a construcción de novos centros de asistencia o que levou a Corina Porro a tomar esta decisión apostando polo compromiso cos discapacitados e a integración deste colectivo.

martes, 19 xul 2005
1121779547disca.jpg
Elena Piñeiro e Fina Otero
A alcaldesa de Vigo, Corina Porro, recibiu hoxe martes a representantes de tres asociacións sen ánimo de lucro que traballan en favor dos discapacitados e que levoulle a pensar na necesidade de establecer un programa global baseado en estudos reais e actuais sobre a situación e necesidades dos discapacitados en Vigo, a modo dun Plan Estratéxico para Discapacitados.

A Asociación Amencer, que traballa con afectados de parálise cerebral a nivel provincial e as locais DOA, que traballa con enfermos psíquicos e Hoy por Mañana, que o fai con nenos vigueses con parálise cerebral, visitaron á alcaldesa de Vigo para coñecer de primeira man a situación das súas solicitudes e requirimentos.

A primeira cita correspondeulle á Asociación Amencer, que solicitoulle á alcaldesa a cesión de chan público para a construcción dun centro de asistencia na cidade. Amencer xa conta con dous centros en Vilagarcía e Pontevedra, polo que un terceiro na cidade de Vigo deixaría á provincia perfectamente asistida. Mónica Touriño e Carlos Godoy, xerente e presidente de Amencer opinan que a cidade de Vigo ten a suficiente entidade como para contar cun centro propio, en vez de levar aos afectados a Pontevedra. Os centros de asistencia contan cunha parte educativa que se trata dun centro privado concertado de Educación Especial, e por outro lado, cun Centro de Día para enfermos maiores.

Pola súa parte, as asociacións DOA e Hoy por Mañana visitaron á alcaldesa para coñecer o estado da cesión dos terreos para a construcción dun centro de atención compartida a nenos con parálise e enfermos mentais. O terreo xa existe e estaba pendente da súa formalización no PXOM. Ademais, Elena Piñeiro, presidenta de Hoy por Mañana, pediulle a Corina Porro a súa intercesión para acadar as axudas correspondentes ao mantemento da súa asociación.

A alcaldesa mostrouse especialmente sensible a todas as peticións e aproveitou o día en que recibiu a visita destas tres asociacións para comunicar a futura posta en marcha dun Plan Estratéxico de Discapacitados en Vigo para o coñecemento real do número de discapacitados e as súas necesidades, poñendo de manifesto que Vigo é unha cidade pioneira en compromisos de integración.
1121779547disca.jpg
1121779599amanecer.jpg
Descargar todas as imaxes