Escoitar

Concello e Universidade colaborarán na investigación da contaminación acústica nocturna

A Xunta aprobou ademais un convenio de colaboración coa Fundación de Secretariado Xitano en materia de fomento de emprego e formación e unha ordenanza municipal sobre captación e aproveitamento da enerxía solar.

luns, 18 xul 2005
1121693298capicci.jpg
A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe luns o proxecto de convenio de colaboración entre o Concello de Vigo e a Fundación de Secretariado Xitano para o desenvolvemento de diferentes accións dentro do programa Plurirrexional de Loita contra a Discriminación. O obxectivo do convenio será, principalmente, a incorporación da comunidade xitana no mercado de traballo e o impulso de políticas sociais máis activas. Por tanto, a colaboración prevista o será sobre materias como formación profesional ocupacional, orientación laboral, acompañamento no acceso ao emprego, accións de sensibilización dirixidas a empresarios e entes públicos e estudos sobre a metodoloxía a aplicar nos programas. O Concello aportaría, en concepto de cofinanzamento, a cantidade de 31.836 euros para a consecución destes obxectivos.

No mesmo área de Desenvolvemento Local e Emprego a Xunta deu luz verde á cualificación do proxecto empresarial "Pedraconpozo, SL" como Iniciativa Local de Emprego tal e como se solicitou, sendo necesario para esto a participación municipal, que consistirá no apoio por parte dos Técnicos Locais de Emprego do Servizo de Apoio a Emprendedores na preparación e confección da memoria e proxecto de viabilidade empresarial da iniciativa, así como a posta en marcha da mesma e a solicitude das subvencións correspondentes.

Dentro do departamento de Urbanismo aprobouse inicialmente a ordenanza municipal sobre captación e aproveitamento da enerxía solar para usos térmicos en edificacións e instalacións no termo municipal de Vigo. Esta ordenanza foi elaborada pola asesoría xurídica da Xerencia en colaboración coa Axencia Intermunicipal de Enerxía de Vigo e haberá un prazo de 30 días de exposición pública para a presentación de reclamacións e suxestións.

A Xunta aprobou tamén o convenio de colaboración entre o Concello e a Universidade para a realización de investigacións relativas á contaminación acústica nocturna na cidade, unha medida de interese xeral provocada polas numerosas demandas que formulan os veciños. O Concello aportará unha cantidade de 48.000 euros e terá unha vixencia de 8 meses.
Descargar todas as imaxes