Escoitar

As Festas do Cristo multiplican estes días as posibilidades de ocio de vigueses e visitantes

O sábado, o domingo e o luns son tres días para gozar das actividades programadas con motivo das Festas do Cristo 2005. Música e danzas folclóricas, bandas de música, fotografía, o festival "Xovevigo" e o Verán de Teatro son as opcións para estas xornadas, sen esquecer a Festa do Mexillón, que se celebrará o domingo no parque de Castrelos.

venres, 15 xul 2005
1121431772muacteatro.jpg
Muac Teatro en acción
O sábado 16 de xullo a festa trasladarase á rúa do Príncipe e á praza da Princesa, a partir das 20:00, coa actuación do grupo de animación "Os Pauliteiros de Fonde de Aldeia", de Miranda de Douro (Portugal), que este ano son os encargados de levar a cabo os pasarrúas, dentro da programación do Festival Folclórico Internacional. "Os Pauliteiros" utilizan uns fermosos traxes, con orixe nas vestimentas militares. Toques de gaita, de bombo e de frauta pastoril acompañan este grupo de danzadores, que executan un conxunto variado de danzas e baile.

Tamén o sábado, ás 21:00, a Agrupación Musical "Atlántida de Matamá" actuará na praza da Estrela dentro do ciclo de concertos de bandas de música. "Atlántida de Matamá" conta desde o seu inicio coa súa propia Escola de Música. Na actualidade ten 80 compoñentes e na escola hai ao redor de 75 alumnos/as. No repertorio da Agrupación Musical inclúense todo tipo de xéneros musicais adaptados para este tipo de formación, ademáis de obras musicais orixinais para a banda.

A xornada do sábado cerrarase co Acto Central do XI Festival Folclórico Internacional, que terá lugar no Teatro-Sala de concertos do Centro Cultural Caixanova a partir das 22:00. Neste acto, ao que se pode acceder mediante invitación, participarán a Escola Municipal de Danza e os conxuntos vigueses "Coriscos" e "Lembranzas Galegas", xunto con tres grupos convidados: "Radost", de Bielorrusia, "Mi Linda Costa Rica", dese mesmo país, e "Tierra de Barros", de Estremadura.

O domingo 17, desde as 10:00, o parque de Castrelos acollerá unha nova edición da Festa do Mexillón, organizada, como cada ano, pola Federación de Peñas Recreativas "El Olivo", en colaboración coa Concellería de Festas e Animación Sociocultural. Desde o principio da festa ata as dúas e media da tarde poderase degustar o molusco. Os asistentes á mesma non só poderán disfrutar de 2.500 quilogramos de mexillóns preparados ó vapor, senón que tamén poderán degustar preto de 500 quilogramos do molusco cociñados en empanada e regados con máis de 700 litros de viño.

Por outra parte, das 11:00 en diante celebrarase, un ano máis, o Maratón Fotográfico, organizado pola Agrupación Fotográfica Galega e o Concello de Vigo. O Maratón comezará na praza do Rei e discorrerá por diversos puntos da cidade. Chégase así a décima edición desta proba, que xa se ten consolidado como unha das máis importantes das que se celebran anualmente na comunidade autónoma galega. Para festexar o aniversario está previsto organizar unha importante mostra que recollerá os traballos ganadores de toda a historia do maratón.

A nota musical desta xornada comezarán a pola outra vez "Os Pauliteiros de Fonte de Aldeia", cun pasarrúas desde a praza da Independencia á praza de América. Ás 21:00, dentro do ciclo de concertos de bandas de música, terá lugar na praza da Estrela a actuación da Escola de Música de Candeán. A Escola ten actuado en infinidade de festas populares de Galicia e Portugal e en numerosos festivais e encontros de bandas. Actualmente a banda de música ten 60 compoñentes con idades comprendidas entre os 14 e 25 anos; moitos deles ofician os seus estudos musicais no Conservatorio de Música de Vigo.

Para finalizar a xornada do domingo, o Festival Folclórico Internacional levará ao torreirodas Festas de Santo André de Comesaña, a partir das 21:30, a música e as danzas da Agrupación "Tierra de Barros", o grupo "Mi linda Costa Rica" e o Grupo Folclórico "Radost", de Bielorrusia, que en conxunto contan con máis dun cento de artistas. Xunto a estes actuarán como convidados "Os Ventos de Comesaña" e o grupo folclórico "Agarimo" da Asociación de Veciños de Torneiros (O Porriño).

O luns 18 de xullo, desde as 21:00 na praza da Estrela, poderase gozar gratuítamente co concerto da banda de música Unión Musical de Coruxo.

Máis tarde, ás 22:30, botará a andar na praza do Rei o festival "Xovevigo 05", con dúas actuacións a cargo de bandas formadas por xente nova. A primeira delas é Donatore di Groove. O seu espectáculo é contundente pero elegante, está cargado de pasaxes sixties, e dunha gran dose de acid jazz co evocador son Hammond como protagonista. A súa música é unha fusión da arrogancia mod europea e o descarado funk americano e nela, din, está a resposta á "pregunta". Donatore Di Groove está integrado por Iván Salgado (Hammond), Isaac Garabatos (guitarra), Jean Marc Van Loo (baixo) e Ramiro Blanco (batería).

A outra actuación correrá a cargo de Spina Fecunda, unha banda nada en Vigo como resultado dos cambios rexistrados na formación Allmostfear, creada no ano 2000. Polo grupo teñen pasado músicos de gran sona na cidade, como Xosé Patiño (baixista e alma mater do proxecto Lavanda Sonora) ou Tytto Rodd (batería, ex Motores). A banda ten duas gravacións realizadas en maqueta: Cadaver in love e Bizarre Doll. Teñen tamén unha gravación en directo, tomada na actuación que tiveron no Festival "Queixa rock" en agosto do pasado ano. Actualmente o grupo está formado por K.K. Albir (guitarrista); J.J. Mariscal (guitarrista); Olbap Zepol (voz); Mannie Souto (baixo); e Angel Rodas (batería).

O luns finalizará co inicio doutro programa incluído nestas Festas do Cristo 2005, o do VI Verán de Teatro. Farao coa representación da traxicomedia "Comiendo Paredes", a cargo da compañía aragonesa Muac Teatro. "Comiendo Paredes" sitúase nunha época incerta, nun día calquera. A historia comeza coa vida rotinaria de dúas irmás nun cuarto. Aparentemente, unha delas está enferma e a outra, que está coxa, leva coidando dela moito tempo. Neste lugar tan só hai uns poucos elementos que permanecen agochados dentro dun gran armario, que é tamén a única saída ó exterior.
1121431772muacteatro.jpg
1121431810xovecartel.jpg
Descargar todas as imaxes