Escoitar

Comeza o Festival Folclórico Internacinal

Unha actuación no Auditorio do S.C.D.R. “Helios” de Bembrive vai dar O venres, o pistoletazo de saída ó Festival Folclórico Internacional, que nesta edición contará coa participación de grupos de Almendralejo (Extremadura), Costa Rica e de Bielorrusia, que reforzarán a presencia dos grupos integrados en Interfolk: Escola Municipal de Danza, Coriscos, Lembranzas Galegas e Xistra.

xoves, 14 xul 2005
O concerto do venres comezará ás 9 e media da noite, e contará cos grupos invitados “Helios” e Banda de Gaitas “Charamuscas”.

Xa o sábado terán lugar dúas das actividades máis importantes do Festival. Por un lado ás oito da tarde celebraráse un pasarúas no centro da cidade, entre Príncipe e Praza da Princesa, a cargo do grupo “Os Pauliteiros de Fonte de Aldeia”, e a continuación , ás dez da noite, o acto central no Teatro-Sala de concertos do Centro Cultural Caixanova. Para esta segunda actividades as invitacións, totalmente gratuitas, poderán recollerse mañá, na concellería de Festas e Animación Sociocultural, e o mesmo sábado no Centro Cultural, en caso de que queden algunhas por repartir.

O Festival Folclórico de Vigo está considerado un dos máis importantes dos que se celebran en España, e nel participan destacados grupos internacionais.

Nesta edición vaise contar coa presencia da agrupación “Tierra de Barros”, de Almendralejo (Extremadura); do grupo “Mi linda Costa Rica” do país centroamericano e do Grupo Folclórico Radost, de Bielorrusia, que en conxunto contan con máis dun cento de artistas. Xunto a eles, para participar nos pasarúas, estará o grupo de animación “Os Pauliteiros de Fonte de Aldeia”, de Miranda de Douro (Portugal).

“Radost” é unha compañía oficial de baile de Bielorrusia que leva traballando desde o ano 1962 e que propón programas fundados sobre o descubremento e a expresión máis pura das tradicións folclóricas do seu país.

A Agrupación Folclórica “Mi linda Costa Rica”, é un grupo que se caracteriza polo seu empeño en salvar a cultura autóctona e as tradicións populares máis antigas do seu país, e conta co apoio do goberno costaricense.

O grupo, que sae ó escenario con traxes tradicionais confeccionados según modelos antiguos, comezou a traballar no ano 1975. Fundado por Leda Damaris Segura Rodríguez, a que fora responsable do Ballet Folclórico da Universidade Nacional de Costa Rica, reflicte sobre o escenario as tradicións máis populares e as influencias étnicas do seu país: hispánica, americana, india, africana e antillesa.

A orquestra que acompaña ó grupo céntrase na “marimba”, que é o instrumento musical mítico de Costa Rica, e que tocan xunto cun xilófono de gran tamaño. O resultado é un ritmo moi orixinal e que somente os expertos desta música coñecen ó detalle. Tocan tamén o acordeón, a guitarra, a mandolina, o “quijongo”, un banxo tradicional sudamericano e outros instrumentos de vento como a “cimarrona”.

Pola súa parte a Asociación Cultural Folclórica “Tierra de Barros”, de Almendralejo, está integrada desde 1969 por un grupo de homes e mulleres que teñen como principal propósito recompilar e transmitir o acervo folclórico da rexión. Con traxes cun enorme colorido, nas súas actuacións consiguen un gran rigor na execución das postas en escea.

Polo que respecta o grupo Os Pauliteiros de Fonte de Aldeia (Portugal), que será este ano o encargado de levar a cabo ós pasarúas, utiliza uns fermosos traxes, con orixe nas vestimentas militares.

Toques de gaita, de bombo e de frauta pastoril acompañan a este grupo de danzadores, que executan un conxunto de danzas e bailados diferentes.