Escoitar

O festival "Para Vigo me voy" congregará en Castrelos algúns dos músicos máis destacados do panorama latino

A VI edición do festival "Para Vigo me voy" celebrarase entre o 27 e o 30 de xullo no Auditorio do Parque de Castrelos. Os concertos, que comezarán ás 23:00, serán unha mostra dalgúns dos artistas máis destacados do panorama latino internacional.

mércores, 20 xul 2005
1121860677bebe.jpg
Bebe
O concelleiro de Festas e Animación Sociocultural, Ignacio López-Chaves, afirmou durante a presentación deste festival que esta é "unha actividade que debemos consolidar e aumentar". Para iso, a Concellaría que dirixe achega 272.000 euros.

Na primeira xornada, mércores 27 de xullo, poderemos gozar do novo proxecto musical da estremeña Bebe, "Caravana Gitana". Bebe estará acompañada por El Congo Linga, El Tío Calambres e Dj Fonkyomar. O segundo día, xoves 28 de xullo, a música brasileira será a protagonista, coas actuacións do tropicalista Djavan e da banda de percusión Timbalada, creada por Carlinhos Brown.

O venres, 29 de xullo, actuarán dúas bandas que triunfan alá onde van. Os mexicanos Café Tacvba presentarán o seu último disco, un repaso a toda a súa discografía. Premiados con varios Grammy, entre outros galardóns, os de Café Tacvba lograron congregar máis de 150.000 persoas nun concerto para a grabación deste último traballo, titulado "Un viaje". Nesta xornada tamén actuará en Castrelos a Habana Blues Band, o grupo creado a raíz do éxito da banda sonora da película homónima de Benito Zambrano.

O festival "Para Vigo me voy" clausurarase o sábado 30 de xullo co son do folclore tradicional. Fados, rancheiras e tangos para despedir a VI edición do Festival Latino Internacional. As protagonistas serán a portuguesa Mariza, a mexicana Sasha e o grupo arxentino La Chicana. Nesta última semana, que será de entrada gratuíta, disporanse cadeiras para o público asistente.

As entradas para asistir ás tres primeiras xornadas do festival "Para Vigo me voy" poden adquirirse desde este xoves, 21 de xullo, por seis euros, a través de www.caixanova.es, na taquilla electrónica 902 504 500, na Central de Espectáculos (Velázquez Moreno, 26) www.centralespectaculos.com, ou no 986 435 410, e o día do concerto, na taquilla do Auditorio de Castrelos.

O festival "Para Vigo me voy" contará cun gran despregamento de medios técnicos. Así, o escenario, de 20 por 14 metros, estará iluminado por 120.000 vatios de luz e apoiado por 90.000 vatios de son. Ademais, haberá pantallas panorámicas coa emisión en tempo real dos concertos, para que todo o público poida seguir o desenvolvemento dos espectáculos.

O festival "Para Vigo me voy", que toma o seu nome dunha canción do mestre Ernesto Lecuona, naceu hai agora seis anos, no verán de 2000, como resposta á necesidade de crear unha plataforma para o coñecemento e a difusión da música latina.
Descargar todas as imaxes