Escoitar

O Auditorio Municipal será escenario do Festival Internacional de Jazz durante a fin de semana

Os amantes do jazz teñen tres citas no Auditorio Municipal durante esta fin de semana: Nils Wogran "Root 70", o venres, Gianluigi Trovesi Octet, o sábado, e Carlos Barreto Trío e François Corneloup "Locomotiv", o domingo. Ademais, o luns terá lugar unha conferencia sobre novas tendencias no jazz, despois da cal Vicent Courtois improvisará co seu violoncelo.

venres, 24 xuñ 2005
1119618747wogram.jpeg
Nils Wogram
O venres 24, a partir das 21:00, actuará no Auditorio Municipal Nils Wogram "Root 70". Esta banda está composta polo propio Nils Wogram ao trombón, Hayden Chisholm ao saxo e ao clarinete, Phil Donkin ao contrabaixo e Jochen Rueckert á batería. O prezo da entrada é de 3 euros.

Nils Wogran é un dos novos músicos alemáns que desde principios da década dos 90 centra a atención no ámbito do Jazz europeo. A súa ducia de discos para o selo Enja, así como a prensa especializada, así o avalan. Despois de realizar os seus estudos na New School de New York xunto a músicos como Werner, Buster Williams ou Maria Schneider, regresa a Europa, onde crea diversos grupos cos que leva a cabo a súa actividade musical.

"Root 70" é a unión de catro músicos novos que crean unha atmósfera jazzística a partir de innumerables estilos que lle confiren unha personalidade moi forte, unha música con profunda sensibilidade e gran finura interpretativa.

O sábado 25 será a vez do Gianluigi Trovesi Octet, a partir das 21:00 coas entradas a tres euros. Trovesi preséntase por primeira vez en España co seu octeto, e cun proxecto moi recente, "FUGACE", que hai pouco editou o selo alemán ECM. É sen dubida un dos músicos de referencia do novo Jazz europeo, que se basea sempre na música de raíz para levar a cabo os seus proxectos musicais.

Os compoñentes deste grupo son Gianluigi Trovesi (clarinetes e saxo alto), Massimo Greco (trompeta, fiscornio e electrónica), Beppe Caruso (trombón), Marco Remondini (cello, saxo alto e electrónica), Marco Micheli (baixo eléctrico), Roberto Bonati (contrabaixo), Vittorio Marinoni (batería) e Fulvio Maras (percusión e percusión electrónica).

O domingo 26, tamén a partir das 21:00 e por tres euros a entrada, actuarán o Carlos Barreto Trío e François Corneloup "Locomotiv". A reunión destes grandes músicos e bos amigos desde a estancia de Barreto en Paris deu lugar a este novo traballo discográfico, "Locomotiv", un proxecto no que o contrabaixista portugués dá un gran paso adiante no seu labor creativo dos últimos anos. Ademáis, Corneloup é actualmente un dos grandes do saxo barítono da vangarda europea. Os músicos son François Corneloup (saxo barítono), Carlos Barreto (contrabaixo), José Salgueiro (batería) e Mario Delgado (guitarra eléctrica).

Jazz no Marco

O luns 27, a partir das 20:00, terá lugar no salón de actos do Museo Marco unha conferencia co título "Novas tendencias: ¿Por que se acollen tantas músicas baixo a etiqueta "jazz"?" Da ponencia encargarase Enrique Turpin, licenciado en Filoloxía Hispánica e máster en Literatura Española pola UAB. Turpin ten ademais un postgrao en Crítica Literaria pola UPF, é crítico literario de El Periódico de Cataluña, Qué Leer e Quimera e comparte esta actividade coa tarefa de redactor na revista Cuadernos de Jazz e coa docencia da lingua e da literatura castelás no ensino secundario. A entrada é libre.

Despois desta conferencia terá lugar no mesmo salón de actos do Marco a actuación do violoncelista Vicent Coutois. Destacado músico no Jazz europeo e virtuoso da improvisación no violonchelo, Vicent Courtois é un asiduo colaborador de Louis Sclavis, así como do laudista Rabih Abou-Khalil, desde o Jazz de vangarda ata a música étnica. A entrada é libre.
1119618747wogram.jpeg
1119618807gianluigi2.jpeg
1119618860barreto3.jpeg
1119618908courtois4.jpeg
Descargar todas as imaxes