Escoitar

22 alumnas dos cursos de formación serán contratadas por Alcampo

Os cursos responden a un convenio entre Alcampo e a Deputación correspondentes ao plan Cidade + e que promove a incorporación laboral de inmigrantes e emigrantes retornados. O módulo de formación ten unha duración de 100 horas cunha importante dedicación práctica.

venres, 3 xuñ 2005
1117806074pacem.jpg
A concelleira de Benestar Social, Marta Iglesias, asistiu hoxe venres ao desenvolvemento dos cursos de azafata de caixa que se organizan en colaboración coa Deputación de Pontevedra e a empresa Alcampo e teñen como obxectivos a promoción da incorporación laboral de persoas inmigrantes e emigrantes retornados en situación de desemprego.

Os cursos, organizados polo proxecto Cidade+ da Deputación, supoñen un acertado mecanismo de acceso ao mercado de traballo xa que posibilita ás 22 alumnas que participan nos mesmos, o coñecemento das funcións propias desta actividade laboral e ao mesmo tempo é un bo achegamento ao mercado laboral.

Organizado na modalidade de formación con compromiso de contratación, os cursos iniciáronse o pasado 18 de maio e estenderanse ata o próximo xoves 9 de xuño, cunha duración total de 100 horas. A metade deste módulo de formación será de carácter práctico e permitirán aos alumnos unha toma de contacto co mundo laboral, xa que o convenio da Deputación con Alcampo prevé alcanzar un compromiso inicial de contratación do 50% por un período de 4 a 6 meses. Sen embargo o responsable de Recursos Humanos de Alcampo Vigo, Carlos Fernández Artul, comentou que se procedería á contratación do 100 por 100 das alumnas que rematasen o curso satisfactoriamente e que sería por un período inicial de 7 meses.

O Concello de Vigo a través do departamento de Benestar Social apoia plenamente estas iniciativas xa que constatou mediante experiencias similares que esta modalidade de formación permite aos axentes implicados a obtención dun importante beneficio social, polo que colaborou na captación, preselección e habilitación de aulas para a organización do mesmo.

Pola súa parte Nidia Arévalo Gómez, deputada provincial de Asuntos Sociais, quixo agradecer a Alcampo a súa colaboración para facilitar a integración das 22 mulleres (6 emigrantes retornadas e 16 inmigrantes procedentes na súa maioría de Sudamérica). Segundo Nidia Arévalo, o proxecto Cidade + pretende facilitar ferramentas ao colectivo dos emigrantes, inmigrantes e á súa descendencia, para situalos nunha mellor posición de cara á súa integración social e laboral.

Oficina de atención a inmigrantes e retornados

A Oficina viguesa de atención ao inmigrante e a emigrantes retornados atendeu 405 consultas de información e expedientes, das que 189 supuxeron intervencións como reagrupacións familiares, prestacións, garderías ou xestións legais, e o resto consultas. Das consultas 76 foron presenciais e 140 telefónicas. As consultas máis habituais foron acerca de axudas e prestacións aos emigrantes retornados, emprego e vivenda.
1117806074pacem.jpg
1117806151cajera.jpg
Descargar todas as imaxes