Escoitar

A cidade da Xustiza será unha realidade en 2007

Corina Porro e Xesús Palmou asinaron un protocolo de colaboración entre Xunta e Concello de Vigo para a construcción dun proxecto que unirá os dous edificios existentes na rúa Lalín cunha torre de nova edificación aglutinando todos os servizos xudiciais da cidade.

xoves, 2 xuñ 2005
1117719134lateralxustuiza.jpg
A alcaldesa de Vigo, Corina Porro e o conselleiro de Xustiza da Xunta, Xesús Palmou asinaron hoxe xoves o protocolo de colaboración entre o Concello de Vigo e a Consellería de Xustiza para a construcción dun edificio con destino a usos xudiciais e a súa integración cos xa existentes para constituír un só conxunto arquitectónico, a denominada Cidade da Xustiza de Vigo. O protocolo asinado compromete ao Concello á cesión dos terreos necesarios para a construcción do proxecto.

Segundo comentou Xesús Palmou, a consellería de Xustiza está traballando no seu compromiso de dotar a Galicia de máis e mellores servizos, compromiso que inclúe a construcción de edificios, a dotación de medios humanos e informáticos, e a creación de novos órganos de actuación. Dos 16 novos órganos xudiciais para Galicia, cinco deles corresponden á cidade de Vigo (4 xulgados e unha praza maxistral).

A actuación para a construcción da futura cidade da Xustiza, que ocupa o espacio existente entre os dous edificios xudiciais situados na rúa Lalín, constitúe un proxecto integrador que dota ao conxunto de novos servizos e accesos comúns. No entorno haberá un novo edificio de seis andares e a unificación dos tres edificios se efectuará mediante un patio inglés. O edificio albergará un rexistro civil único, un novo xulgado de primeira instancia e unha nova audiencia. A estructura, pensada para un edificio de 18 plantas, poderá albergar 24 xulgados nos próximos anos.

Segundo Palmou o investimento neste edificio será de 4,5 millóns de euros e nos primeiros meses de 2007 a cidade da Xustiza poderá ser unha realidade, acadando "unha xustiza máis áxil, eficaz e, en definitiva, máis xusta", dixo o conselleiro de Xustiza.

Datos técnicos

O arquitecto Ángel Cid explicou algúns datos do proxecto de integración dos tres edificios. Sobre un solar duns 3.500 metros cadrados construirase o único complexo no que quedarán integrados os tres edificios. Haberá dúas pezas fundamentais: o basamento, de 3.075 metros cadrados e unha torre de 18 prantas, de 9.525 metros. En total 12.500 metros cadrados útiles. A primeira fase do proxecto será a construcción do basamento e as seis primeiras plantas da torre. A segunda fase serán as doce plantas seguintes.

Segundo Ángel Cid a torre será un elemento referencial e simbólico, mentres que o basamento será máis funcional, resolvendo os contactos co vial. A primeira é lixeira, aberta e metálica, mentres que o segundo é macizo, sólido e pétreo. A capa exterior da torre, formada por lamas acristaladas terá un carácter continuo e logrará un efecto escultórico mentres que no basamento o fundamental serán os patios, que aportan luz, unión e calidade ao conxunto. O edificio, que será susceptible de futuras transformacións foi calificado polo arquitecto de "sobrio, representativo e expresivo dunha sociedade moderna".
1117719134lateralxustuiza.jpg
1117719186quepassa.jpg
Descargar todas as imaxes