Escoitar

O Concello cre que os contactos cos veciños e o estudo das alegacións enriquecerán o Plan Xeral

O Concello valora de maneira "moi positiva" os contactos que está a manter cos veciños de cara á mellora do Plan Xeral de Ordenación Municipal, así como o estudo das alegacións presentadas. Estas alegacións estarán proximamente a disposición do PsdeG-PSOE "para que faga o que considere conveniente".

xoves, 2 xuñ 2005
1117717408xeren0206.jpg
O concelleiro de Urbanismo, José Manuel Figueroa, fixo unha valoración "moi positiva" da rolda de contactos que está a manter o Concello con diversos colectivos da cidade para coñecer as demandas dos veciños en relación ao Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM).

Sobre estes encontros, José Manuel Figueroa dixo que o goberno municipal seguirá traballando "con rigor" e "vontade de buscar o entendemento". Ademais, o concelleiro asegurou que as alegacións presentadas ao PXOM "van enriquecer o documento".

O equipo redactor do Plan Xeral continúa a estudar as arredor de 61.000 alegacións entregadas, tendo informado xa unhas 40.000. Segundo declarou José Manuel Figueroa, o equipo redactor porá ao tanto do desenvolvemento da fase de estudo ao goberno municipal, nunha reunión que manterán nos próximos días.

Así mesmo, o concelleiro asegurou que o PSdeG-PSOE "terá á súa disposición as alegacións para facer o que considere conveniente". Neste sentido, o concelleiro Mauricio Ruiz, do PSdeG-PSOE, dixo que "é moi importante para nós ver estas alegacións para sabermos o que queren os veciños".

Consello da Xerencia

Por outra banda, o Consello da Xerencia Municipal de Urbanismo, reunido hoxe xoves, decidiu proporlle á Xunta de Goberno Local a desestimación de catro recursos potestativos de reposición contra o acordo da propia Xunta de Goberno Local do 20 de decembro de 2004 polo que se aprobou definitivamente o Proxecto de Compensación do PERI II-05 Rocío. Estes recursos foron interpostos por José Carlos Medina López, Raimundo Iglesias Pérez, a sociedade mercantil Picosur e Manuel Ventura Fernández Fernández.

Ademais, o Consello da Xerencia declarou restaurada a legalidade urbanística alterada na rúa Simón Bolívar 12 5º C, así como no camiño Romeu 25 de Coruxo. Así mesmo, o Consello impúxolle á entidade mercantil "Gravina Villas y Promociones" unha multa por importe de 13.235 euros. Esta sanción é unha medida complementaria dunha licenza de obras outorgada polo vicepresidente da Xerencia Municipal de Urbanismo, polo incremento de aproveitamento cos inmobles 2, 4 e 6 da rúa Gravina, esquina con Churruca 11, dada a reducción do grosor dos sillares de pedra granítica da fachada reconstruída.
Descargar todas as imaxes