Escoitar

Filmes americanos e curtametraxes na programación de xuño do Cineclub Lumière

Dentro da programación do Cineclub Lumière para este mes de xuño, proxectaranse no Auditorio Municipal as películas "Esplendor americano", de Shari Springer e Robert Pulcini, "Coffee and cigarettes", de Jim Jarmusch, e "Zelig", de Woody Allen, así como un maratón de curtametraxes.

venres, 3 xuñ 2005
A programación de xuño do Cineclub Lumière no Auditorio Municipal, onde as proxeccións comezarán ás 20:30 cada día, abrirase o luns día 6 coa película "American splendor" ("Esplendor americano"), dos neoiorquinos Shari Springer e Robert Pulcini. Este filme estadounidense de 2003 conta como Harvey traballa como empregado nun hospital. Para fuxir da rotina mantén conversas cos seus compañeiros sobre música, cultura ou poítica. Un día, Harvey coñece un deseñador de postais que en pouco tempo se converte nun prestixioso debuxante de cómics.

O luns día 13 de xuño o filme que se proxecta é "Coffee and cigarettes" ("Café e cigarros"). Realizado en 2003 polo estadounidense Jim Jarmusch, "Café e cigarros obtivo a Palma de Ouro do Festival de Cannes en 1993. Nel, Jim Jarmusch compón unha serie enlazada de cutametraxes para dar forma a unha longametraxe.

Cada secuencia deste filme mostra os diversos personaxes sentados arredor dunha mesa, tomando café, fumando cigarros e discutindo sobre temas diversos: a correcta preparación do té inglés, as teorías sobre a conspiración contra Elvis Presley, Abbot & Costello, a ficticia banda de rock Sqürl, París nos anos vinte ou o uso da nicotina como insecticida.

A seguinte longametraxe, que se ofrecerá o luns 20 de xuño, é "Zelig", de Woody Allen. Esta película realizada en 1983 nos Estados Unidos narra a historia dun home camaleón, unha persoa que ten un poder que fai que se transforme na persoa que ten ao lado. Así, se está xunto a xudeos ortodoxos médralle a barba, se está entre músicos de jazz convértese en negro, se está entre chineses adopta trazos orientais. Esta cirsustancia fará que varios psicólogos traten de estudar o seu caso. "Zelig" recibiu o Premio ao Mellor Filme no Festival Internacional de Cine de Veneza de 1983.

A programación de xuño no Auditorio Municipal acabará o xoves 23 cun maratón de curtametraxes elaborado coa colaboración da Asociación Cultural Arela e o Festival de Curtametraxes de Cans (O Porriño). Estas curtametraxes, que poderán verse a partir das 20:30, aínda están por determinar.

Por outra banda, o Cineclub Lumière, coa colaboración habitual da Alianza Francesa, ofrecerá o venres de tres de xuño o filme "Confidencias moi íntimas" de Patrice Leconte, e o xoves 16 de xuño "Triple axente", de Eric Rohmer. Ambas as películas serán proxectadas no Auditorio do Centro Cultural Caixanova a partir das 20:30.

Ademais, a axuda da Concellería de Normalización Lingüística permitirá programar o filme "Dáme algo", de Héctor Carré, o martes 14 de xuño ás 20:30 no Auditorio Municipal.