Escoitar

O Concello destina 40.000 euros ao Concurso-Exposición da Camelia

O concelleiro de Cultura e Festas, Ignacio López-Chaves, presentou a 41ª edición do Concurso-Exposición da Camelia, que se celebrará o 26 e o 27 de febreiro nas instalacións do Consorcio da Zona Franca. Neste certame, ao cal destina o Concello 40.000 euros, premiaranse os exemplares máis destacados desta flor nas súas distintas variedades.

luns, 21 feb 2005
1108995401camelia.jpeg
As instalacións do Consorcio da Zona Franca no peirao de Bouzas encheranse de cor con motivo da 41ª edición do Concurso-Exposición da Camelia. Este certame, ao que a Concellería de Cultura e Festas destina 40.000 euros, pretende ser un mostrario das distintas formas e especies desta flor de orixe xaponesa.

O concurso contará cun total de 50 participantes, que competirán por distintos galardóns. Así, a "Camelia de Ouro" premiará o concursante máis destacado en todo o conxunto de variedades que presente. O premio especial "Antonio Odriozola" será para a mellor flor, que se exporá nunha mesa especial.

Así mesmo, haberá premios para os mellores lotes de cada unha das variedades, para as mellores presentacións artísticas das flores. Tamén se celebrará un concurso de escaparates que, segundo o Ignacio López-Chaves, permitirá que "toda a cidade se implique nesta iniciativa".

O Concurso-Exposición da Camelia comezará o sábado 26 ás 9:00 coa recepción dos concursantes e o inicio da montaxe. Ás 18:30, o xurado, despois de visitar a exposición, lerá o seu dictame. Tamén o sábado, ás 19:00, terá lugar unha conferencia sobre o cultivo de bonsáis. Ademais, ás 19:30, haberá unha demostración de "Ikebana", termo que significa "flor vivinte" e que designa unha tradicional arte floral xaponesa.

A exposición abrirase ao público o domingo 27 ás 10:00. Ás 12:00 celebrarase a entrega de premios. Ás 12:30 terán lugar as actuacións dos grupos "O Tarabelo" e "Labaradas" e da parella infantil "Roque e Lucía". O toque oriental darao ás 17:00 a representación do "Sado" ou Cerimonia do Té xaponesa, antes do remate da exposición, ás 21:00.
Descargar todas as imaxes