Escoitar

Henrique Viéites e Silvia Bermúdez toman posesión dos seus cargos de concelleiros polo BNG

Henrique Viéites Alonso e Silvia Bermúdez Pérez prometeron cumprir os seus cargos como concelleiros do BNG no Concello, nunha sesión do Pleno do Concello na que tamén se nomearon os membros da Comisión Especial de Suxerencias e Reclamacións en representación dos diferentes grupos municipais.

luns, 21 feb 2005
1108993625xuntos.jpg
Silvia Bermúdez e Henrique Viéites
Henrique Viéites Alonso e Silvia Bermúdez Pérez tomaron posesión dos seus cargos como novos concelleiros do BNG no Concello. Quedan cubertos así os postos deixados recentemente por Lois Pérez Castrillo e Olaia Fernández.

Henrique Viéites Alonso
Naceu en Lavadores en 1959. Foi concelleiro de Parques e Xardíns na anterior corporación. Operador de telecomunicacións de profesión, no seu currículo destaca a súa vinculación ao mundo sindical e ao asociacionismo veciñal. Actualmente é Responsable da Organización Comarcal do BNG de Vigo.

Silvia Bermúdez Pérez
Naceu en Vigo en 1979 e é licenciada en Dereito. Durante a súa estadía na Universidade de Vigo representou o alumnado na Xunta de Goberno e no Claustro. Foi Responsable de Galiza Nova na nosa coamarca ata 2004 e actualmente é membro da Executiva e do Consello Comarcal de Vigo.

Por outra banda, o Pleno do Concello celebrado o luns nomeou os membros da Comisión Especial de Suxestións e Reclamacións dos diferentes grupos municipais, que son Ignacio López-Chaves, polo PP, María Luisa Graña, do PsdeG-PSOE, Margarida Rosa Martíns, do BNG, e Manoel Soto, representando o PG.

A Comisión de Suxestións e Reclamacións constitúese como o órgano municipal superior na supervisión da actuación e funcionamento da Administración Municipal, dos seus organismos públicos e entidades dependentes. O seu cometido é actuar na defensa dos intereses dos veciños, con autonomía orgánica e funcional e independencia de criterio respecto dos outros órganos de Goberno municipais. A Comisión non está suxeita nas súas atribucións a instrucción ou mandato imperativo de ningún outro órgano.
Descargar todas as imaxes