Escoitar

Bryan Adams actuará no pavillón das Travesas o 3 de febreiro

O cantante e compositor canadense actuará ao fin en Vigo nun concerto previsto para 5.000 persoas no que Adams presentará o seu último disco "Room service".

xoves, 13 xan 2005
1105625885bryan.jpg
A alcaldesa Corina Porro e mailo director xeral de espectáculos do Xacobeo, Xerardo Rodríguez, presentaron hoxe o concerto que o cantante canadense Bryan Adams ofrecerá no pavillón das Travesas o xoves 3 de febreiro. A alcaldesa definiu a consecución da presencia do cantante en Vigo coa frase "o que a sigue a consigue", en referencia ao primeiro intento falido de traer ao artista.

O concerto de Bryan Adams será o terceiro dun artista internacional dentro dos organizados polo Xacobeo na cidade de Vigo, tras os de Super Grass e Van Morrison. O compositor e cantante canadense, "un dos artistas mais ocupados do momento" segundo a alcaldesa, acudirá a Vigo a presentar o seu último traballo "Room service".

Xerardo Rodríguez resaltou o bo entendemento entre Concello e Xunta para posibilitar eventos deste tipo, sobre todo o concerto dun cantante como Bryan Adams "reclamado por todos", dixo. En canto aos datos de producción, o director de espectáculos do Xacobeo dixo que o material necesario para a posta en escena chegará en seis trailers, que o son será idéntico ao do concerto de Van Morrison, que o aforo está previsto para 5.000 persoas e o prezo da entrada, xa a venta, será de 28 euros.
Descargar todas as imaxes