Escoitar
Baixo o lema "Diferentes si, desiguais non" reivindicaron o fin da violencia de xénero e da pobreza no mundo

Cerca de 30.000 mulleres participaron na Marcha Mundial das Mulleres en Vigo

Cerca de 30.000 mulleres de toda Europa participaron o domingo na Marcha Mundial das Mulleres que este ano celebrouse na cidade de Vigo. A partir das 12,00 da mañá a Praza de España da cidade olívica foi o lugar de saída para participar nesta mobilización que contou coa participación de mulleres provenientes de toda Europa (Italia, Serbia-Montenegro, Francia, Portugal, Suíza, Holanda, Grecia, e Bélxica) así como de toda España (Euskadi, Galicia, Cataluña, Madrid, Toledo, Sevilla, Valladolid, etc). Tras unha hora e media de marcha polas principais rúas de Vigo, baixo o lema "Diferentes si, desiguais non" a marcha concentrouse na Praza de América para dar paso, unha vez que chegaron tódolas participantes, ás intervencións.

luns, 24 mai 2004
1085398570marcha.jpg
A primeira delas correu a cargo de Victoria Iglesias, representante da Coordinadora Nacional Galega da Marcha, quen agradeceu o esforzo realizado polas mulleres desta organización para a celebración da Marcha e animou a tódalas participantes "a seguir facendo o esforzo continuado para mudar ó mundo que non os gusta".

Lupe Ces, representante da Coordinadora de Vigo, fixo tres peticións o público congregado na praza. "A primeira cousa que os pido e que non esquezamos a memoria da última das víctimas da violencia de xénero en Galicia "Marina Bó" morta recentemente na provincia de Ourense. O segundo encargo é loitar para conseguir en Galiza unha lei integral da violencia de xénero na nosa comunidade con medidas tanto preventivas como paliativas, e a última petición e comunicarvos que Galiza non vai se-lo mesmo dende agora: a partires deste momento Galiza será o punto de arranque da Carta Mundial de Mulleres que entregaremos en Ruanda no vindeiro 2005 coas reivindicacións das mulleres para conseguir un mundo e unha Europa de todas, de xustiza e liberdade ".

María Casares, representante da Coordinadora Europea da Marcha, recordou a catástrofe do Prestige en Galiza e abogou por unha loita pacífica pero intensa das mulleres de todo o mundo baixo os lemas de "Nunca Máis", "Mujeres unidas nunca serán vencidas " e Solidaridad con las mujeres de todo el mundo". Finalmente, Diane Matte, representante da Coordinadora Mundial , expresou a necesidade de seguir coa loita "para que o resto das mulleres do mundo, e sobre todo as que están vivindo en gobernos reprimidos sigan o noso exemplo". Asemade sinalou a importancia de dicir non a Constitución Europea actual e facer chegar as reivindicacións das mulleres ós órganos competentes para que poidan ser incluídas no devandito documento. O grupo "Cantareiras de Trasancos" puxo o broche final á manifestación coa súa actuación.
Descargar todas as imaxes