O Concello e a Universidade de Vigo poñen en valor a toponimia de Teis
Abel Caballero e Susana Reboreda, vicerreitora de Extensión Universitaria, presentaron este martes o novo volume da colección que estuda e recolle a toponimia de Teis nun proxecto de colaboración que procura a divulgación do patrimonio vigués.

“Toponimia do Val do Fragoso – Teis 9” é o título do noveno volume da colección editada conxuntamente polo Concello e pola Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo, con fotografías de Vera Álvarez Suárez.
Na presentación da publicación, Abel Caballero valorou a toponimia como “unha forma de reencontrarnos e vivir coa nosa tradición e pasado” amosando a súa disposición a defender “sempre” a toponimia: “quero que Vigo recupere as súas formas e nomes tradicionais”.
Tal e como explicou, esta colección de estudos da toponimia de Vigo comezou no ano 2008 co importante impulso da funcionaria municipal Marta Souto e “quero recordalo con todo o cariño para a súa familia”. Desde entón van publicados xa os volumes de Coia, Lavadores, Beade, Sárdoma, Comesaña, Bembrive, Candeán e Valadares. O obxectivo destas publicacións é fomentar o coñecemento e a conservación dese ben inmaterial que é a toponimia do noso, da nosa cultura.
Susana Reboreda, vicerreitora de Extensión Universitaria da Universidade de Vigo destacou o traballo conxunto do Concello e a Universidade que está “encantada con esta frutífera colaboración. A toponimia é historia e hai que recollela porque se non perdémola, porque se mantén moito na historia oral pero pérdese na memoria dos maiores, por iso é fundamental que se recupere e se plasme por escrito. Reboreda avanzou que entre os proxectos da ANL está reflectir toda a información recollida nun mapa interactivo. Amais referiuse a Marta Souto como “a alma” deste libro que sufriu un atraso pola súa “dolorosa perda”.
Na presentación celebrada no Concello participaron tamén a concelleira de Educación, Olga Alonso; Benigno Fernández Salgado, director da Área de Normalización Lingüística da Uvigo; Eva María Castro Figueiras e Cristina Rodríguez Ricart, técnicas da ANL e Zaira González Lago, bolseira da ANL.
Esta publicación comeza cun proceso de investigación previo e continúa cun gran traballo de campo realizado, sobre todo, en contacto coas persoas maiores do lugar. Edítanse 655 exemplares que se envían ao Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia e aos centros educativos e asociacións de Vigo.