O PXOM prevé 15.000 vivendas de protección e duplicará as zonas verdes e instalacións deportivas
A aprobación do novo planeamento urbanístico foi un dos fitos destacados polo alcalde de Vigo na presentación do seu balance de xestión. Este documento permitirá a construción de 15.000 vivendas sometidas a algún tipo de protección e duplicará as zonas verdes da cidade.

Vigo conta cun novo Plan Xeral o que, en verbas do rexedor, supón un momento histórico no presente e no futuro da cidade. 51.000 vivendas libres de especulación, das que 15.000 estarán sometidas a algún tipo de protección, resaltou. Duplicaranse espazos verdes, pasando de 6 a 14 grandes parques (de 2,1 millóns a 4,8 millóns de metros cadrados) e os equipamentos deportivos. Entre outras cuestións, o novo documento propón a recuperación do patrimonio industrial: Alfageme, Panificadora, Algo, La Artística.
Destacou Caballero que o PXOM prevé un crecemento equilibrado cun investimento de 863 millóns de euros en infraestruturas e urbanizacións.
Especial atención mereceu a explicación dos grandes eixos do PXOM nas comunicacións: a Avenida urbana entre A55 cun novo trazado da A52 en túnel; ata o nó da Balsa comunicando o PTL, Universidade, Hospital, Polígono de Balaídos; reordenación Arquitecto Palacios entre Castrelos e Gregorio Espino; novo Vial alternativo Avenida Samil prolongación rúa Moaña, modificación dos túneis de Praza España para facer unha nova praza pública de uso cidadán ou a integración AP9 no tecido da cidade. Na súa intervención, Caballero comparou os máis de 190 millóns de euros que aportará o Concello fronte a nula achega económico da Xunta.
Referiuse a máis solo industrial, vivenda social xa proxectada en Santa Cristina, entre oturas moitas zonas, ao tempo que rescatou algunhas actuacións xa realizadas como a nova praza de Vialia, ou a outras en marcha como futura Biblioteca do Estado, un novo acceso ao Párroco don Camilo e as achegas para rehabilitación en distintos barrios da cidade.
Patrimonio Histórico
O alcalde deu conta das inversións municipais na recuperación do Casco Vello e do Casco Histórico de Bouzas, remarcando as obras na Casa do Patín ou a rehabilitación da muralla do Castro, convertido nun museo para achegarnos á historia de Vigo. Entre outras intervencións municipais, recalcou o novo Centro Interpretación Romano en Toralla, o Pazo de Castrelos ou a recuperación do Pazo Raposeira, “sitio excepcional dispoñible para uso público da cidade”. O rexedor anunciou que “seguiremos abrindo espazos públicos en todos os lugares de Vigo. É unha forma de entender a cidade”.
Durante a súa intervención, Caballero indicou que Vigo converteuse nunha cidade de cor grazas ao programa de murais despregado polo Concello que xa conta con 150 medianeiras decoradas.
Situación económica
As saneadas contas municipais tamén foron mencionadas durante o acto desta mañá. Caballero lembrou que en 2007 había 66 millóns de euros de débeda e agora é de 0. Asegurou estar “orgullosísimo” de seguir sendo a cidade coa presión fiscal máis baixa de España, con enorme solvencia e cun pago a provedores de 6 días. Referiuse á baixada de taxas e impostos rexistrada ao longo dos últimos anos.
Emprego
Os plans municipais de emprego xeran miles de postos, indicou o alcalde ao incidir no apoio ás empresas e a tantos e tantos proxectos e a obra pública que teñen un factor multiplicador “importantísimo”.
Administración electrónica
Entre os cambios impulsados polo goberno, o rexedor destacou a “gran transformación da administración electrónica e as novas tecnoloxías que apoian o avance. Hai mes e medio, lembrou, sufrimos un ataque cibernético masivo no Concello e non supuxo un problema grazas á modernización que vén experimentando a xestión municipal. Neste punto, resaltou o funcionamento da PassVigo, convertida nunha tarxeta de identidade propia de todo Vigo.