Caballero: “Balaídos agora é un emblema da cidade”
O rexedor vigués adicou unha parte importante do balance de 4 lexislaturas máis dous anos de goberno a repasar a situación do sector deportivo e cultural.

“Os deportes transversalizan a cidade”, expuxo o rexedor, ao repasar as actuacións municipais nesta área con 8 novos pavillóns durante os 18 anos do seu goberno: Romil, Quirós, Balaídos con dous, Candeán, Navia e os dous da ETEA. “Matamá tiña que ser o noveno pero a Xunta non nos deixou”. Citou tamén os 11 novos campos de fútbol (Navia, Candeán, Meixoeiro, A Bouza, Baltasar Pujales, Monte da Mina, As Relfas, San Andrés de Comesaña, A Guía, Samil e As Travesas), modernizados baixo o seu goberno. Finalizou este bloque coas 3 novas piscinas coas que conta a cidade (Florida, Barreiro e Navia), á que se engadirá a nova piscina de Teis que está en marcha a súa construción, logo do incendio que calcinou a vella.
No tocante ao Estadio Municipal de Balaídos, Caballero afirmou que agora “é un emblema da cidade”. O Concello de Vigo está creando “o máis moderno e mellor estadio do mundo”, afrontando nestes momentos a obra da nova grada de Gol, que rematará a remodelación completa desta infraestrutura. Abel Caballero explicou que a candidatura a sede do Mundial 2030 aporta “presencia e proxección exterior”. “Presentamos un proxecto excepcional” e “Louzán levouna por diante pero seguiremos defendendo a Vigo”.
A cidade conta con “eventos deportivos por doquier”, e apuntou a máis de 250 grandes eventos cada ano. Vigo conta con “decenas de persoas practicando deporte na cidade co circuíto municipal Runrun Vigo” como referencia ás carreiras.
Xuventude
Enlazando co papel que xoga a xuventude na cidade destacou que máis de 45.000 nenas e nenos participan en actividades deportivas subvencionadas polo Concello ou os campamentos urbanos de verán que ofertan este ano 4.000 prazas por toda a cidade. Caballero resumiu as accións formativas, lúdicas ou deportivas do seu goberno para a xuventude ás que se suman máis 100.000 participantes cada ano, destacando o recente Vigo Dance Festival ou O Marisquiño, un espazo único para a cultura urbana no que teñen participado algúns deportistas con medallas de ouro olímpicas.
Cultura
O alcalde destacou o “gran desenvolvemento da cultural na cidade” poñendo en valor infraestruturas como o Auditorio e Palacio de Congresos Mar de Vigo, “que era un burato negro e agora é un referente cultural”, ou as novas bibliotecas e salas de lectura postas en marcha polo goberno que encabeza. Vigo conta cunha rede de 7 museos de balde, converténdose na “rede de museos máis importante dunha cidade en España, financiada polo Concello”. Destacou o novo Plan Estratéxico de Museos ou as propostas culturais, como Vigocultura é a “crónica dun éxito anunciado” ou a adquisición da escultura de Domingo Villar.
Transportes e seguridade
Sobre a área municipal de transportes, destaca o rexedor as 256.694 tarxetas PassVigo coas que 45.000 pensionistas poden viaxar gratis na cidade e máis de 25.000 mozas e mozos poderán facelo a partir do mes de xuño. Nos últimos seis anos, a subvención municipal ao transporte acadou as 78.569.849 viaxes. Amais, referiuse á renovación do parque móbil e á mellora do servizo con novas conexións para seguir avanzando na eficiencia do transporte.
Sobre o tráfico, Abel Caballero apuntou as medidas implantadas para a mellora do tráfico rodado, coa redución de límites de velocidade a 20 e 30 km/h, o sistema municipal Vigodriving que facilita aos condutores información en tempo real sobre as incidencias, tempos de percorrido ou cortes de tráfico e o bo funcionamento dos doce corredores de emerxencia “que nos permite abrir a vía para policía, ambulancias ou vehículos que estean de servizo”. A cidade conta con 12 quilómetros de carril bici e cun 20% de motocicletas no parque de vehículos, un total de 45.000, das que as de menos de 125cc gozan dunha exención municipal con “taxa cero de imposto de rodaxe”. O alcalde tamén destacou o “servizo excepcional da Policía e do corpo de bombeiros”, que contan agora con “dous grandes parques completamente novos onde os bombeiros poden estar con dignidade e profesionalidade”.