Escoitar

O alcalde pon en valor o liderado da cidade nos investimentos en educación e política social

Abel Caballero destacou hoxe os investimentos do goberno municipal destinados a mellorar as infraestruturas dos colexios da cidade e propiciar tanto a mellora no coñecemento de idiomas, con 2.000 beneficiarios das becas, como na formación das nenas e dos nenos en múltiples disciplinas. Destacou a aposta polos programas pioneiros de Política Social para atender as persoas vulnerables.

luns, 2 xuñ 2025

O alcalde destacou este luns a atención permanente do goberno municipal á educación e á comunidade educativa coa construción de dez novos patios cubertos en colexios, aos que se suman os tres que se atopan en marcha e as pistas deportivas. Recordou que das nove escolas infantís municipais da cidade, seis foron construídas por este goberno e son totalmente gratuítas para as familias.

Caballero recalcou a importancia das becas de libros concedidas polo Concello aos estudantes das ensinanzas obrigatorias “nas épocas difíciles”, ao tempo que puxo en valor programas educativos para o desenvolvemento da cidade. Cada ano 1.583 nenas e nenos de Vigo fórmanse nas múltiples disciplinas ofertadas polas escolas municipais de música, folk, danza, teatro. Trátase de “programas estrela en toda España”, subliñou.

No próximo curso escolar 1.100 mozas e mozos formaranse no Reino Unido coas bolsas de inglés . “Cada xeración en Vigo son 2.000 persoas” que melloran o seu coñecemento dun idioma no extranxeiro e, destes, máis da metade estudan linguas en Inglaterra coas bolsas do concello para estudantes de secundaria e os da Escola Oficial de Idiomas.

Caballero recordou o traballo realizado polo goberno municipal para contar coa UNED na cidade e ampliar a oferta universitaria con 13 titulacións.

Política Social

O alcalde remarcou a transcendencia dos 54 millóns de euros destinados a Política Social “para as familias, emerxencias, maiores, servizo de atención non fogar, teleasistencia, e envellecemento activo”, entre outros programas. “Vigo é a única cidade de Galicia con albergue municipal, recordou Abel Caballero ao sinalar que o Concello tamén financia os comedores sociais.

O Concello dotou a cidade con novas infraestruturas para atender “máis e mellor á cidadanía”, ao tempo que destina 500.000 euros para as asociacións veciñais e para fomentar o asociacionismo, indicou o rexedor.

Amais, Caballero destacou a gratuidade do servizo 010, “que realiza un traballo magnífico e que transmite información á cidade”, afirmou, sinalando a "importantísima aposta" do goberno pola atención ás vítimas violencia de xénero, con dous millóns de euros ao ano, indicou.

 

Descargar todas as imaxes