Escoitar

O goberno local asume a reparación do Colexio Celso Emilio Ferreiro ante a inacción da Xunta nas súas competencias

O Concello de Vigo contratou a unha empresa de enxeñería para que estude a situación da cuberta e do Colexio Celso Emilio Ferreiro e emita “inmeditamente” un ditame sobre as necesidades de actuación “ante o gravísimo abandono da Xunta de Galicia das súas competencias e responsabilidades”, segundo avanzou este martes o alcalde. “O tellado e a cuberta están nunha situación visiblemente deficiente” e a administración galega “non o quere asumir como unha reparación da súa obrigación”, recalcou Caballero.

martes, 3 xuñ 2025

O rexedor avanzou que mañá mércores e o xoves os expertos da empresa de enxeñería contratada polo Concello analizarán, con técnicos municipais, a estrutura da cuberta e do soporte do edificio escolar. “Cando teñamos o ditame, que será nuns poucos días, tomaremos as decisións en base ao informe, a urxencia e a necesidade de actuar”, explicou Abel Caballero ao detallar que se os técnicos indican a urxencia das obras “actuaremos nuns poucos días e, se non, farémolo ao longo do verán”.

“Non imos deixar que o Colexio Celso Emilio Ferreiro siga nesta lamentable situación á que está a abocar a Xunta de Galicia”, recalcou o rexedor. Ata o inicio das obras, o Concello instalará unha rede de seguridade en previsión dun eventual desprendemento.

Caballero lembrou que o Concello de Vigo investiu 53.000 euros no colexio para a renovación de baños, así como para reparación do pavillón deportivo e do pavimento de distintas aulas. “Agora asumiremos esta obra de emerxencia imprescindible”, afirmou. O alcalde denuncia a “inacción da Xunta nun colexio da cidade de Vigo, que está dentro das súas competencias”, apuntou o alcalde.

 

Descargar todas as imaxes