O Concello dedica máis de 3 millóns de euros á contratación da Escola de Música e da ETRAD
A Xunta do Goberno Local aprobou hoxe a contratación da xestión e a docencia das escolas municipais de Música e de Música Folk e Tradicional para os próximos catro anos, por 3.074.220 euros.

Abel Caballero explicou o acordo aprobado este venres pola Xunta de Goberno para contratar a xestión e docencia da Escola Municipal de Música por un importe de preto de dous millóns de euros durante os catro anos. Lembrou que o centro, onde se imparten 302 horas semanais de docencia, conta con 462 alumnos e 18 profesores, dos que 12 son a tempo completo e 6 contan con xornada parcial.
Entre os acordos tamén destaca o contrato da xestión e docencia, por catro anos, da Escola Municipal de Música Folk e Tradicional por 1.131.287 euros. No centro, que conta con 441 alumnos, impártense dez disciplinas de música, entre as que se atopan movemento, acordeón, arpa céltica, corda pulsada, gaita, zanfoña.
O alcalde lembrou que as dúas escolas municipais están bonificadas entre un 80 e 90 por cento do custo para os alumnos. “Os estudantes pagan entre o 10 e o 20 por cento do custo porque é unha actividade cultural importantísima e queremos que os mozos e mozas de Vigo estuden música e interpreten música e vivan a cultura desde a singularidade de cada unha e de cada un”, afirmou.