O goberno municipal aproba axudas a entidades deportivas por 400.000 euros
O alcalde avanzou o acordo adoptado hoxe polo Concello para conceder axudas ao deporte de Vigo por 400.000 euros.

Abel Caballero explicou que entre os acordos aprobados hoxe atópanse as subvencións para melloras en campos de fútbol de titularidade privada por 170.000 euros. A estas súmanse as axudas para entidades deportivas que participan en fases de acceso dos tres primeiros niveis de competicións deportivas dentro e fóra de Vigo, por 50.000 euros.
O Concello tamén apoiará economicamente, con 75.000 euros, á organización de fases finais de campionatos de España en categorías de formación.
O Club Ciclista Rías Baixas contará cunha subvención de 25.000 euros, o equipo Mosteiro-Bembrive de fútbol sala recibirá 40.000 euros e a Sociedade Deportiva Carballal recibirá 40.000 euros, afirmou o alcalde ao recalcar que “seguimos apoiando o deporte en Vigo”.